Falla de San Andreas
From Wikipedia, the free encyclopedia
A falla de San Andreas (do inglés San Andreas fault) ou falla de Santo André/s, tamén coñecida como falla de San Andrés, é unha falla transformante continental duns 1 200 km de lonxitude que se estende seguindo un eixe aproximadamente norte-sur preto da costa de California.[1] Forma o límite tectónico entre as placas do Pacífico e norteamericana, e ten un movemento lateral dereito e horizontal. A falla divídese en tres grandes segmentos, cada un con diferentes características e un grao distinto de risco de terremotos. A velocidade de deslizamento da falla vai de 20 a 35 mm por ano segundo a zona.[1]
A falla foi identificada e nomeada en 1895 polo profesor Andrew Lawson da Universidade de California, Berkeley, que descubriu a zona norte. A miúdo dise que o seu nome procede do nome do lago San Andreas, un pequeno corpo de auga que se formou nun val entre as dúas placas, pero segundo os informes do propio Lawson feitos entre 1895 e 1908, este bautizouna polo nome do val de San Andreas que a rodea preto de San Francisco (e este á súa vez procede dun topónimo San Andrés en castelán).[2] Despois do terremoto de San Francisco de 1906, Lawson concluíu que a falla se estendía por todo o sur de California.
In 1953 o xeólogo Thomas Dibblee chegou á conclusión de que na falla puido haber centos de quilómetros de movemento lateral. Un proxecto chamado San Andreas Fault Observatory at Depth (SAFOD, Observatorio da Falla de San Andreas a Profundidade) preto de Parkfield, fixo unha perforación na falla entre 2004 e 2007 para recoller material e facer observacións físicas e químicas para comprender mellor o comportamento da falla.[3]