descrición da vida de Xesús From Wikipedia, the free encyclopedia
Evanxeo, do grego εὐαγγέλιον (evangélion), de εὐ (eu, que significa 'ben'), e ἀγγέλιον (angélion, que significa 'mensaxe') e en hebreo בשורה, que significa 'noticia' e טובה, que significa 'boa', é a boa noticia do cumprimento da promesa feita por Deus a Abraham, Isaac e Xacob de que redimiría á súa descendencia do pecado (Feitos: 13, 32) [1] por medio da morte do seu Fillo unixénito Xesús (Xénese: 22, 2 [2]; Salmos: 130, 8 [3]; Salmos: 2, 7 [4]) quen morrería en expiación polo pecado de toda a humanidade (Isaías: 53, 10) [5] e resucitaría ao terceiro día (Salmos: 16, 10) [6] para dar arrepentimento e perdón dos pecados a todo aquel que crea nel (Lucas: 24, 47).[7]
David profetizou que Xesús resucitaría ao terceiro día sen ver corrupción (Salmos: 16, 10), todos sabemos que David morreu e que o seu corpo viu corrupción (Romanos: 2, 10) [8] e a tumba de David está no Monte Sión, pero Xesús resucitou ao terceiro día (Marcos: 16, 1-6) [9] cumprindo a profecía da súa resurrección e a súa tumba está baleira e é coñecida como o Santo Sepulcro.
Este é o evanxeo que predicaban os primeiros discípulos de Xesús (1 Corintios: 15, 1-12).[10]
O cumprimento da promesa de Deus, ou evanxeo, foi escrito polos primeiros discípulos xudeus nos evanxeos, que son os escritos que recollen as primeiras predicacións dos discípulos de Xesús de Nazaret, e cuxo núcleo central da mensaxe é a morte e resurrección de Xesús.
Nun sentido máis xeral o termo evanxeo pode referirse aos evanxeos. Neste sentido existen catro evanxeos contidos no Novo Testamento da Biblia cristiá, chamados Evanxeos canónicos, recoñecidos como parte da Revelación polas diferentes confesións cristiás. Coñécense co nome dos seus supostos autores: Mateu, Marcos, Lucas e Xoán. A maioría dos expertos considera que estes catro evanxeos foron escritos entre os anos 65 e 100 d.C., aínda que outros académicos propoñen datas máis temperás.
Existen outros escritos, coñecidos como Evanxeos apócrifos, non recoñecidos como canónicos polas igrexas cristiás actuais.
A palabra "Evanxeo" emprégase por primeira vez nos escritos das primeiras comunidades cristiás por Paulo de Tarso, na primeira epístola aos corintios (1 Corintios: 15,1), redactada probabelmente no ano 57:
Os recordo, irmáns, o evanxeo que vos anunciei, que recibistes, e no que perseverastes.
O devandito evanxeo consiste, segundo Paulo, en "que Cristo morreu polos nosos pecados segundo as Escrituras; que foi sepultado e resucitou ao terceiro día segundo as Escrituras; que se lle apareceu a Pedro e despois aos doce. Despois aparecéuselle a máis de cinco centos irmáns á vez, dos que a maior parte viven aínda, se ben algúns xa morreron. Despois aparecéuselle a Santiago, e máis tarde a todos os apóstolos. E despois de todos aparecéuseme a min, como se dun fillo nacido a destempo se tratase".
Co mesmo sentido aparece a palabra no Evanxeo de Mateu (4, 23; 9, 35) e no Evanxeo de Marcos (1, 15). É posíbel que sexa a tradución ao grego dunha expresión aramea empregada na súa predicación por Xesús de Nazaret, pero non existen datos concluíntes que permitan afirmar isto de forma definitiva. En total, a expresión "evanxeo" úsase en 76 ocasións no Novo Testamento. É significativo que sesenta delas teñan lugar nas cartas de Paulo, e que non exista ningunha mención do termo no Evanxeo de Xoán e no Evanxeo de Lucas, aínda que si aparece nos Feitos dos apóstolos, atribuídos a Lucas. O número de mencións de cada termo é o seguinte (fonte: Rivas, L. H. El Evangelio de Juan.)
Especulouse sobre se as comunidades cristiás helenísticas adoptaron o termo "evanxeo" a partir do culto ao emperador. Existe en Priene unha inscrición, datada no ano 9 a.C., en que aparece esta palabra cun sentido moi similar ao que despois lle darían os cristiáns. En calquera caso, a palabra utilizárase frecuentemente na literatura anterior en lingua grega, incluíndo a primeira tradución da Biblia a este idioma, coñecida como Biblia dos Setenta.
Do elevado número de evanxeos escritos na Antigüidade, só catro foron aceptados pola Igrexa e considerados como canónicos. Estabelecer como canónicos estes catro evanxeos foi unha preocupación central de Ireneo de Lión, contra o ano 185. Na súa obra máis importante, Adversus haereses, Ireneo criticou con dureza tanto ás comunidades cristiás que facían uso dun só evanxeo, o de Mateu, como aos que aceptaban varios dos que hoxe son considerados como evanxeos apócrifos, como a seita gnóstica dos valentinianos. Ireneo afirmou que os catro evanxeos por el defendidos eran os catro piares da Igrexa. "Non é posíbel que poidan ser nin máis nin menos de catro", declarou, presentando como lóxica a analoxía cos catro puntos cardinais, ou cos catro ventos (1.11.18). Para ilustrar o seu punto de vista, utilizou unha imaxe, tomada do Ezequiel, do trono de Deus flanqueado por catro criaturas con rostros de diferentes animais (home, león, touro, aguia), que están na orixe dos símbolos dos catro evanxelistas na iconografía cristiá.
Tres dos evanxeos canónicos, os de Marcos, Mateu e Lucas, presentan entre si importantes similitudes. Pola semellanza que gardan entre si denomínanse sinópticos desde que, en 1776, o estudoso J. J. Griesbach os publicou por primeira vez nunha táboa de tres columnas (synopsis), nas que podían abarcarse dunha soa ollada, para mellor destacar as súas coincidencias.
A historia do desenvolvemento dos evanxeos é confusa, existindo varias teorías acerca da súa composición, como se expón a continuación. As análises dos estudosos centráronse no que se chama o problema sinóptico, é dicir, as relacións literarias existentes entre os tres evanxeos sinópticos, Mateu, Lucas e Marcos.
A teoría que obtivo maior consenso é a teoría das dúas fontes.
As diferenzas e semellanzas entre os evanxeos sinópticos explicáronse de diferentes formas. Unha das teorías máis estendidas á a chamada "teoría das dúas fontes". Segundo esta teoría, o de Marcos é o evanxeo máis antigo dos tres, e foi utilizado como fonte por Mateu e Lucas, o que pode explicar a gran cantidade de material común aos tres sinópticos. Porén, entre Lucas e Mateu observáronse coincidencias que non aparecen en Marcos, que se atribuíron a unha hipotética fonte Q (do alemán Quelle, fonte) ou protoevanxeo Q, que consistiría basicamente nunha serie de λογία, logía ("ditos" ou "ensinanzas" de Xesús), sen elementos narrativos. O descubrimento en Nag Hammadi do Evanxeo de Tomás, recompilación de ditos atribuídos a Xesús, contribúe a consolidar a hipótese da existencia da fonte Q.
Os teólogos protestantes Weisse (defenderon a existencia de "Q"Die evangelische Geschichte kritisch und philosopisch bearbeitet, 1838), e xunto con ltzmann (Die Synoptischen Evangelien, 1863), e Wernle desenvolveu posteriormente (ie synoptische Frage, 1899), Streeter (The Four Gospels: A Study of Origins, treating of the manuscript tradition, sources, authorship, & dates, 1924), quen chegou a postular catro fontes (Marcos, Q, e outras dúas, que denominou M e L) e J. Schmid (Matthäus und Lukas, 1930). Aínda que para Dibelius e Bornkann puido tratarse dunha tradición oral, o máis probábel é que se tratase dunha fonte escrita, dada a coincidencia a miúdo literal entre os evanxeos de Mateu e Lucas. Tamén considerou probábel que o protoevanxeo Q fose redactado en arameo, e traducido posteriormente ao grego.
Se ben a fonte Q é unha hipótese dos eruditos para intentaren explicar o problema sinóptico, esta colección de ditos de Xesús, tamén coñecida modernamente como Loxía, era de lectura e estudo cotián na igrexa primitiva e Lucas a menciona en Feitos dos apóstolos como "as Palabras do Señor". De tal xeito a hipótese de Q e de Loxía adquire substancia.
Existen outras hipóteses que prescinden da existencia dunha fonte Q. Destas, algunhas afirman a prioridade temporal de Mateu, e outras consideran que o de Marcos foi o primeiro evanxeo. As máis destacadas son as seguintes:
O de Xoán é sen dúbida o último dos evanxeos canónicos, de data bastante máis tardía que os sinópticos. Nel, os milagres non se presentan como tales, senón como "signos", é dicir, xestos que teñen unha significación máis profunda: revelaren a gloria de Xesús.[11]. A hipótese elaborada por Rudolf Bultmann (Das Evangelium des Johannes, 1941) postula que o autor deste evanxeo tivo á súa disposición unha fonte, oral ou escrita, sobre os "signos" de Cristo, independente dos evanxeos sinópticos, que se denominou Evanexo dos Signos, cuxa existencia é soamente hipotética.
Tradicionalmente atribúese a autoría dos evanxeos a Mateu, apóstol de Xesús; a Marcos, discípulo de Pedro; a Lucas, médico de orixe siria discípulo de Paulo de Tarso e a Xoán, apóstolo de Xesús. No entanto, até hoxe non foi determinada aínda a autoría real de cada evanxeo.
No seo da Igrexa Católica, o Concilio Vaticano II na súa Constitución Dei Verbum (n. 18) ensina que "a Igrexa sempre defendeu e defende que os catro Evanxeos teñen orixe apostólica. Pois o que os apóstolos predicaron por mandato de Cristo, despois, baixo a inspiración do Espírito Santo, eles e os homes apostólicos transmitíronnolo por escrito, fundamento da fe, é dicir, o evanxeo en catro redaccións, segundo Mateu, Marcos, Lucas e Xoán".
Non hai acordo acerca das datas exactas nas que se redactaron. A maioría dos expertos consideran que os evanxeos canónicos se redactaron na segunda metade do século I d.C., é dicir, ao redor de medio século despois da desaparición de Xesús de Nazaret, aínda que moitos expertos consideran que se redactaron antes da destrución do Templo de Xerusalén.[12]
Tamén existe unha minoría que propón que os evanxeos se redactaron tras a destrución definitiva de Xerusalén durante o reinado de Adriano.
Raymond E. Brown, no seu libro An Introduction to the New Testament, considera que as datas máis aceptadas son:
Estas datas están baseadas na análise dos textos e na súa relación con outras fontes.
En canto á información que nos proporciona a arqueoloxía, o manuscrito máis antigo dos evanxeos é o chamado Papiro P52, que contén gran parte do evanxeo de Xoán e, segundo os papirólogos, é da primeira metade do século II, aínda que non existe consenso acerca da data exacta, e hai quen atrasan a súa datación ao primeiro cuarto do século II, e quen consideran que é do segundo cuarto. De todos os xeitos é extraordinario o brevísimo lapso que separa ao manuscrito orixinal de Xoán coa copia sobrevivente máis antiga. E isto constátase, en menor proporción, en todos os evanxeos cuxas copias máis antigas gardan menos dun século co orixinal.
O consenso xeral é que os catro evanxeos canónicos se escribiron orixinalmente en grego antigo, a lingua franca, do Oriente do Imperio Romano. Non obstante iso, algúns propoñen que Mateu escribiu o seu orixinalmente en arameo, e tamén o que se coñece como o Evanxeo dos Hebreos, pero non se atopou ningún texto orixinal nesta lingua.
Ademais dos catro evanxeos canónicos, hai outros evanxeos que non se incorporaron ao canon do Novo Testamento. De maneira que estes evanxeos apócrifos non son agora aceptados polas igrexas cristiás como fidedignos, nin como textos inspirados pola divindade. Pero si considéranse escritura por algunhas das faccións nas que se dividiu o cristianismo durante os primeiros séculos da súa historia. Especialmente pola corrente cristiá gnóstica, que foi a que achegou a maior parte destes textos, e por comunidades cristiás que conservaron unha ligazón máis estreita coa tradición xudía da que xurdiu o cristianismo, e que daban unha visión de Cristo demasiado ligada ao hebraísmo.[13]
Este último é o caso do Evanxeo dos hebreos e do Evanxeo secreto de Marcos, que diversos autores (como Morton Smith) datan como contemporáneos dos evanxeos canónicos e aínda como fonte dalgúns destes.
Debido a estes debates, hai autores que prefiren falar de evanxeos extracanónicos, en vez de apócrifos, para evitaren un termo que implica a priori a falsidade dos textos. O Evanxeo de Tomás é incluso datado por algúns expertos no ano 50 d.C., hipótese que o convertería no máis antigo coñecido.[14][15][16]
Algúns destes escribíronse despois dos canónicos, e por iso foron aceptados nada máis que por pequenos grupos da comunidade cristiá da Igrexa Primitiva. Parte do contido dos evanxeos non canónicos declarouse herexía pola maioría das ramas do cristianismo, e algúns deles foron obxecto de persecución por parte da Igrexa Católica.
Na literatura evanxélica apócrifa ten un papel importante o pobo sinxelo. A súa imaxinación oriental por todo o que se presentaba como extraordinario, misterioso e lendario, encontrou a maneira de encher os ocos dos evanxeos canónicos con detalles da vida de Xesús.
Os evanxeos apócrifos máis antigos son o Evanxeo de Tomás (baseado nos ditos de Xesús) e o Evanxeo de Pedro (outra narración da vida de Xesús). No século II aparecen os "Evanxeos da Infancia" (en grego denominados προτο-ευαγγέλιον protoevangélion), como o evanxeo de Xaime, que presenta o concepto da Virxindade Perpetua de María, e o Evanxeo da Infancia escrito por Tomé (que non hai que confundir co Evanxeo dos ditos de Xesús). Ambos os dous conteñen historias de milagres feitos por Xesús cando era neno.
Outros evanxeos apócrifos son o Evanxeo de Filipe, o Evanxeo de María, o Evanxeo dos exipcios, o Evanxeo dos hebreos e o Evanxeo de Xudas.
Os evanxeos narran, de forma bastante fantástica, a vida de Xesús de Natzaret. Descoñécese até que punto os episodios que narran se poden atribuír a un só personaxe ou máis ben se son feitos e anécdotas da vida de diferentes profetas máis ou menos coetáneos que, co paso do tempo, se irían atribuíndo a un só profeta, o máis relevante de todos eles.
De acordo co punto de vista naturalista, os feitos narrados están cheos de feitos fantásticos, que van desde unha concepción virxinal (Xesús nacería dunha nai virxe), contraria á bioloxía actual, até unha resurrección improbábel (Xesús resucitaría despois de morto e o seu corpo se elevaría ao ceo). Entre medias, hai toda clase de milagres que as diferentes igrexas interpretan como feitos históricos, e que para os críticos son lendas cheas de simbolismo, que co tempo acabarían por considerarse feitos reais.
Os evanxeos segundo Mateu e Lucas inclúen numerosas referencias aos escritos proféticos do Antigo Testamento relacionadas coa chegada do mesías. Segundo os teólogos, Mateu, cuxo evanxeo conta con máis referencias proféticas do Antigo Testamento, escribiría para os hebreos e o autor quería probar que Xesús de Natzaret era o mesías que cumprira as profecías mesiánicas, utilizando copiosamente versículos do Antigo Testamento, quizais da tradución dos Setenta. Para outros críticos, porén, estas pasaxes parecen escritas para adecuaren a figura dun home ao rei-profeta que fora anunciado polos profetas: o nacemento dunha nai moza, a pretendida ascendencia de Xesús á xenealoxía do rei David, e até a mesma morte de Xesús, poderían ser referencias dos textos que os destinatarios do seu evanxeo (as comunidades xudías que esperaban ao mesías) coñecerían moi ben. Así e todo, o nacemento virxinal de Xesús é considerado polos críticos naturalistas e algúns filólogos unha adecuación dun "erro" de tradución xudía da Septuaginta da pasaxe de Isaías 7: 14, xa que traduciron o hebreo "almah" (que de acordo co Dicionario Strong's pode significar "rapaza nova", "doncela" ou "virxe"), polo grego παρθένος, parthénos, (que só significa "virxe").
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.