directora da Casa da Moeda dos EEUU (1961-1969) From Wikipedia, the free encyclopedia
Eva Bertrand Adams, nada en Wonder, Nevada, o 10 de setembro de 1908 e finada en Reno, no mesmo Estado, o 23 de agosto de 1991, foi directora da Casa da Moeda dos Estados Unidos desde outubro de 1961 a agosto de 1969.
Eva Adams Directora da Casa da Moeda dos Estados Unidos (1961-1969) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 10 de setembro de 1908 Wonder. Nevada. |
Morte | 23 de agosto de 1991 (82 anos) Reno. Nevada. |
Director da Casa da Moeda dos Estados Unidos | |
1961 – 1969 | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Estadounidense |
Educación | Universidade de Nevada, Reno. Universidade Columbia. Universidade George Washington. |
Actividade | |
Ocupación | Avogada e alta funcionaria. |
Empregador | University of Nevada, Reno (en) (1936–1940) |
Premios | |
| |
Eva Bertrand Adams naceu o 10 de setembro de 1908 na localidade de Wonder, no estado de Nevada,[1] filla de Cora Varble e de Verner Laur Adams.[2] O seu pai traballaba na instalación de campamentos mineiros, o que provocou que na infancia de Eva a familia cambiase de domicilio constantemente, ata que finalmente se instalou en Reno, Nevada.[3]
A súa educación primaria tivo, xa que logo, carácter itinerante, e xa en Reno graduouse en educación secundaria aos 14 anos, e logo ingresou na Universidade de Nevada,[2][4] na mesma cidade, onde en 1928 acadou o grao de Bachelor of Arts.[3]
Inmediatamente despois da súa graduación trasladouse a Las Vegas, onde exerceu como profesora de Inglés no ensino secundario, e cursou un mestrado en Lingua Inglesa na Universidade Columbia, de Nova York,[2] do que se graduou en 1936.[3][4]
Durante ese tempo estivo involucrada no Partido Demócrata do Condado de Clark, onde coñeceu o xurista Pat McCarran.[3]
En 1940 regresou a Reno para se incorporar, por pouco tempo, ao departamento de Inglés da Universidade de Nevada desa cidade, na que tamén foi vicedecana de mulleres.[2][4][5] Cando Pat McCarran foi elixido senador, pediulle a Eva Adams que o acompañase a Washington para ser a súa asistente administrativa, posto que compaxinou coa continuación da súa formación, primeiro coa súa licenciatura en Dereito no Washington College of Law, da American University (1950),[4] e logo na Universidade George Washington, onde en 1952 acadou o mestrado en Dereito. En tal condición, ingresou nos colexios de avogados de Nevada e do Distrito de Columbia, e en 1954 pasou a formar parte do Tribunal Supremo.[3][6]
Paralelamente, o seu traballo como asistente do senador McCarran continuou ata o falecemento deste en 1954, e logo mantivo o mesmo posto cos senadores Ernest S. Brown e Alan Bible, ata 1960.[3][4]
En 1961, o presidente do país John F. Kennedy nomeouna directora da Casa da Moeda dos Estados Unidos, cargo que ocupou desde outubro dese ano ata agosto de 1969,[4] xa que en 1966 o novo presidente, Lyndon B. Johnson, a confirmou no seu posto. Adams —que era a segunda muller en dirixir a ceca pública, despois de Nellie Tayloe Ross—[7] foi recomendada para o cargo polo senador Bible, por mor dos seus coñecementos e da súa experiencia en metais preciosos, adquiridos ao medrar no seo dunha familia vinculada á minaría do ouro e da prata.[3][8]
Os seus esforzos como directora da US Mint centráronse en superar a escaseza de moeda circulante que padecía o país e en abaratar os procesos de cuñaxe de moeda.[4] Neste sentido, entre outras cousas, xestionou a transición cara á produción de moedas revestidas e foi quen de formular unha aliaxe axeitada de cuproníquel para substituír a cuñaxe de moedas de prata, que o Congreso ordenara eliminar mediante a Lei da Moeda de 1965, dado que o seu custo de produción superaba o seu valor facial. No desempeño do seu cargo axudou tamén a planificar a apertura da renovada Ceca de Filadelfia en 1969,[4] tras o cal presentou a súa dimisión como directora o 31 de agosto, presionada polo novo presidente, Richard Nixon, para que o fixera, xa que quería colocar un republicano como director.[3][8]
Tras abandonar a Casa da Moeda dos Estados Unidos, Adams foi asistente do presidente da compañía de seguros Mutual of Omaha, ata 1978. Durante estes anos tamén foi nomeada directora da Medallic Art Company, de Nova York, e formou parte da xunta directiva da American Numismatic Association entre 1971 e 1975.[3][4]
Eva Adams permaneceu solteira toda a súa vida. Faleceu por causas naturais en Reno, onde vivía retirada, o 23 de agosto de 1991, aos 82 anos.[3][5] Foi soterrada no cemiterio Masonic Memorial Gardens, de Reno.[9]
Ao longo da súa carreira pública, Eva adams acadou, entre outros, os seguintes recoñecementos:[3]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.