Especiación simpátrica
From Wikipedia, the free encyclopedia
A especiación simpátrica (ou simpátrida) é o proceso de especiación polo cal evolucionan novas especies a partir de poboacións dunha soa especie ancestral que habitan xuntas na mesma rexión xeográfica. En bioloxía evolutiva e bioxeografía, simpátrico e simpatría son termos que se refiren a organismos cuxas áreas de distribución se solapan ou son idénticas, polo que aparecen xuntos en polo menos algúns sitios. Se estes organismos están estreitamente relacionados (por exemplo, especies irmás), esa distribución pode ser o resultado de especiación simpátrica. Etimoloxicamente, simpatría deriva das raíces gregas συν, sin ('xunto', 'con') e πατρίς, patris ('patria', 'terra natal').[1] O termo foi inventado por Poulton en 1904, que explicou a derivación.[2]
A especiación simpátrica é unha das tradicionais categorías xeográficas do fenómeno da especiación.[3][4] A especiación alopátrica é a evolución de distintas especies a partir de poboacións xeograficamente illadas dunha soa especie. Neste caso a diverxencia está facilitada pola ausencia de fluxo xénico, que de habelo tende a manter as poboacións xeneticamente similares. A especiación parapátrica é a evolución de poboación xeograficamente adxacentes en distintas especies. Neste caso, a diverxencia ocorre a pesar de que haxa un limitado cruzamento entre as poboacións diverxentes nos puntos onde están en contacto. Na especiación simpátrica, non hai restricións xeográficas para que as poboacións se xunten e crucen. Estas categorías son casos especiais dunha segregación espacial continua de grupos diverxentes, que vai desde cero (simpátrica) a completa (alopátrica).[4]
En organismos eucariotas multicelulares a especiación simpátrica crese que é un proceso pouco común pero posible, mediante o cal a diverxencia xenética (por medio do illamento reprodutivo) de varias poboacións dunha soa especie parental que habitan na mesma rexión xeográfica dá lugar á creación de novas especies.[5] Porén, nas bacterias, o proceso análogo (definido como "a orixe de novas especies de bacterias que ocupan nichos ecolóxicos definibles") podería ser máis común porque as bacterias están menos restrinxidas polos efectos homoxeinizadores da reprodución sexual e son proclives a experimentar cambios xenéticos comparativamente drásticos e rápidos por medio de transferencia horizontal de xenes.[6]