boxeador cubano-galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Enmanuel Reyes Pla, nado na Habana en 1992, é un boxeador cubano-galego. Foi subcampión de Europa en 2022, gañou unha medalla de bronce no Campionato Mundial de Boxeo de 2021 e participou nos Xogos Olímpicos de 2020 e 2024, conseguindo nestes últimos a medalla de bronce, a única medalla olímpica do boxeo galego.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 14 de decembro de 1992 (31 anos) A Habana, Cuba |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Cuba España |
Educación | Universidad de Ciencias de la Cultura Física y el Deporte «Manuel Fajardo» (en) |
Altura | 195 cm |
Actividade | |
Ocupación | boxeador |
Deporte | Boxeo |
Adestrador | Chano Planas Rafael Lozano (en) |
Participou en | |
7 de agosto de 2020 | boxeo nos Xogos Olímpicos de 2020 - peso pesado masculino (5º) |
Comezou a boxear na Habana aos 6 anos por decisión de seu pai, que quería que aprendese a defenderse dos rapaces do colexio cos que estaba a ter problemas.[1][2] Foise consolidando como un dos mellores boxeadores do seu país natal, competindo nos pesos semipesados e despois nos pesos pesados.[1]
Con todo, no boxeo cubano tivo sempre algún competidor por diante, como o varias veces campión mundial Julio César La Cruz, ou Erislandy Savón, contra o que perdeu a final do campionato cubano. Decidiu entón probar sorte en Galicia, onde vivían seu pai, súa avoa e un tío.[3] Viaxou a Moscova, e despois dun paso por Belarús, voou a Austria, onde pediu asilo político, sendo internado dous meses nun centro de refuxiados. Logo foi a Alemaña, dende onde tentou pasar a Francia, pero foi detido e ingresado nun centro de reclusión para migrantes, e logo enviado de volta a Austria. Finalmente, no verán de 2017 conseguiu chegar a Galicia, instalándose na Coruña.[2][1]
Na cidade herculina foi adestrado por Chano Planas e proclamouse campión de España dos pesos pesados en 2019, 2020 e 2021.[4] En marzo de 2020 concedéuselle a nacionalidade española e en xuño do ano seguinte logrou unha praza para os Xogos Olímpicos de 2020, ao quedar segundo no torneo preolímpico celebrado en París, onde perdeu a final contra o campión mundial Muslim Gadzhimagomedov.[5]
Xa na cita olímpica, comezou a súa participación nos oitavos de final, onde gañou por K.O. ao casaco Vasïlïy Levït.[6] En cuartos de final, o seu rival foi o tamén cubano Julio César La Cruz. Nun combate moi igualado, La Cruz impúxose no primeiro asalto, mentres que o segundo foi para o boxeador da Coruña. No terceiro e derradeiro asalto Reyes comezou ben, pero na parte final foi superior La Cruz, ao que os xuíces deron como gañador final, quedando Reyes co diploma olímpico.[7]
Uns meses despois disputou en Belgrado o Campionato do Mundo de Boxeo, na categoría de pesos pesados. Eliminou sucesivamente ao grego Vagkan Nanitzanian,[8] ao francés Soheb Bouafia,[9] ao xordano Hussein Iashaish e ao estadounidense Jamar Talley,[10] meténdose deste xeito nas semifinais.[11] Nestas, enfrontouse ao italiano Aziz Abbes Mouhiidine, perdendo por 4-1.[12] Con todo, a súa medalla de bronce foi histórica, pois foi a segunda para España nun Mundial, 47 anos despois da que lograra o asturiano Enrique Rodríguez Cal.[11]
En 2022 proclamouse subcampión de Europa no torneo celebrado en Iereván, onde perdeu a final contra o italiano Aziz Abbes Mouhiidine.[13] Un ano despois participou nos Xogos Europeos en Cracovia, acadando as semifinais, nas que perdeu ante o irlandés Jack Marley.[14]
Nos Xogos Olímpicos de 2024 derrotou no seu primeiro combate ao chinés Han Xuezhen e nos cuartos de final ao belga Victor Schelstraete, asegurando así o pase ás semifinais e consecuentemente unha medalla olímpica.[15] Nas semifinais enfrontouse ao acerbaixano Loren Alfonso, tamén de orixe cubana, perdendo por unha polémica decisión dos xuíces.[16] O seu bronce foi a primeira medalla olímpica para o boxeo español en 24 anos, dende a prata de Rafa Lozano en Sydney 2000.[16]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.