Dólar de comercio (Estados Unidos)
antiga moeda dun dolar dos EEUU para o comercio con Oriente / From Wikipedia, the free encyclopedia
O dólar de comercio estadounidense é unha moeda co valor facial dun dólar emitida en prata pola Casa da Moeda dos Estados Unidos entre 1873 e 1885 para competir con outros dólares comerciais de métrica similar emitidos por diversos países para o comercio coa Asia Oriental.
Dólar de comercio (Estados Unidos) [1] | |
---|---|
A/: a Liberdade sentada nun pedestal fronte ao mar, ollando á esquerda, sostendo cunha man unha póla de oliveira e coa outra unha fita coa palabra LIBERTY e rodeada por 13 estrelas (as 13 colonias). No pedestal, o lema IN GOOD WE TRUST. Data no exergo. | R/: aguia que sostén nas súas gadoupas pólas con bagas e setas. Enriba, fita co lema E PLURIBUS UNUM. Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / TRADE DOLLAR / 420 GRAINS. 900 FINE. |
|
A idea da creación desta moeda xurdiu xa na década de 1860, cando o prezo da prata comezou a baixar por mor da actividade mineira no Oeste dos Estados Unidos. Finalmente, presentouse no Congreso un proxecto de lei que prevía a creación dun dólar de comercio, que foi aprobado e posteriormente sancionado como Lei da Moeda de 1873, que lle outorgaba curso legal nos EEUU unicamente ata unha cantidade de cinco dólares.
Logo de tomar en consideración varios deseños, tomáronse como definitivas a propostas presentadas, tanto para o anverso como para o reverso, polo gravador xefe da Casa da Moeda dos EEUU, William Barber.
A súa cuñaxe iniciouse no propio 1873 e a maioría dos exemplares foron enviados á China. Co tempo, os produtores de prata comezaron a converter grandes cantidades deste metal en dólares de comercio na Casa da Moeda, o que provocou que a moeda chegase a inserirse nas canles comerciais estadounidenses. Tal situación causou insatisfacción entre os que a recibían como medio de pagamento, dada a mala sona acadada polos dólares de comercio, que se negociaban por un valor inferior ao seu valor nominal. En resposta á súa ampla presenza no mercado nos Estados Unidos, este dólar foi oficialmente desmonetizado en 1876, aínda que a súa cuñaxe se mantivo ata 1885 con algúns exemplares de proba anuais.