![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/5/54/2003_Sacagawea_Rev.png/640px-2003_Sacagawea_Rev.png&w=640&q=50)
Dólar Sacagawea
moeda estadounidense dun dólar / From Wikipedia, the free encyclopedia
O dólar Sacagawea é unha moeda dun dólar estadounidense introducida en 2000 e emitida ininterrompidamente ata 2008 co mesmo modelo. A partir de 2009 continuou cuñándose anualmente, mais con reversos diferentes en cada emisión, conmemorativos de diversos aspectos da cultura nativa americana.
Dólar Sacagawea [1][2] | |
---|---|
![]() | |
A/: busto de Sacagawea cun neno. Lendas: LIBERTY / IN GOD WE TRUST. Data e marca de ceca. | R/: aguia en voo. Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / E PLURIBUS UNUM / ONE DOLLAR. |
|
O seu nome débese á figura do seu anverso, obra de Glenna Goodacre, que representa un busto de Sacagawea (1788-1812), unha muller shoshone coñecida por axudar na expedición de Lewis e Clark na Luisiana. O seu reverso inicial débeselle ao artista Thomas D. Rogers e está caracterizado pola figura dunha aguia en voo coas ás estendidas.
A súa cor dourada vénlle polo seu revestimento de latón de manganeso, sobre un núcleo de cobre, o que lle confire un aspecto característico.
A moeda foi introducida en substitución do dólar de Susan B. Anthony, que gozara de escasa popularidade entre o público, malia ter resultado útil para o seu uso nas máquinas expendedoras e no transporte público.
Logo do seu lanzamento, a Casa da Moeda dos Estados Unidos fixo unha intensa campaña de promoción da moeda, con publicidade en prensa, radio e televisión, e tamén a través de asociacións con marcas comerciais como Walmart e Cheerios. No entanto, o dólar Sacagawea tampouco foi merecedor da aceptación popular e a súa cuñaxe reduciuse drasticamente no segundo ano da súa produción. Entre 2007 e 2016 a súa emisión continuou en paralelo á da serie coñecida como "dólar presidencial". En 2012 a súa tiraxe reduciuse nun 90 %, en liña cunha produción similar dos dólares presidenciais, aínda menos populares, por mor das grandes reservas de moedas aínda non utilizadas de ambas as series.
A US Mint considerou tamén a posibilidade e cuñar o dólar Sacagawea en ouro de 22 quilates, para o coleccionismo e o investimento, e mesmo chegou a facer algunhas cuñaxes de proba. No entanto, desbotou axiña a idea logo de que se cuestionase a súa autoridade para realizar este tipo de emisións. Os escasos exemplares de ouro cuñados como proba son propiedade da Casa da Moeda dos EEUU.
O dólar Sacagawea foi galardoado en 2002 co Premio Moeda do Ano á moeda máis popular de 2000.[3]