Dominio real francés
From Wikipedia, the free encyclopedia
O dominio real francés (en francés Domaine royal), tamén coñecido como terras da coroa ou patrimonio da coroa de Francia refírese ás terras, feudos e dereitos directamente posuídos polos reis de Francia.[1][2] [3]
Mentres que o termo terras da coroa de Francia acabou refiríndose a unha unidade territorial, o dominio real francés orixinariamente referíase á rede de "castelos, aldeas, leiras, bosques, cidades, casas de relixión e bispados, e os dereitos de xustiza, portádegos e impostos" efectivamente ostentados polo rei ou baixo o seu dominio.[4]
En termos de territorio, antes do reinado de Henrique IV, o domaine royal non abarcaba a totalidade do territorio do Reino de Francia, e durante a maior parte da Idade Media significativas porcións do Reino eran posesión directa doutros señores feudais.
Nos séculos X e XI, os primeiros capetos —sendo reis de Francia— estiveron entre os menos poderosos dos grandes señores feudais de Francia en termos do territorio posuído. Pacientemente, a través do uso da lei feudal (e, en particular, a confiscación de feudos de vasalos rebeldes, a conquista, a anexión, hábiles matrimonios con herdeiras de grandes feudos, e incluso por compra), os reis de Francia puideron incrementar o seu dominio real. Na época de Filipe IV, o significado de "dominio real" comezou a pasar de ser unha mera colección de terras e dereitos a unha unidade territorial fixa,[5] e no século XVI o "dominio real" comezou a coincidir con todo o territorio do Reino. Porén, o sistema medieval de apanaxe (unha concesión dun feudo cos dereitos das terras polo soberano aos seus fillos menores (non aos delfíns, que revertería á coroa ao extinguirse a liña masculina descendente do titular orixinal) alleou amplos territorios do dominio real e ás veces creou rivais perigosos (especialmente no Ducado de Borgoña nos séculos XIV e XV).
Durante as guerras de relixión de Francia criticouse con frecuencia a alleación de terras e feudos do dominio real. O edito de Moulins (1566) declarou que o dominio real (definido no segundo artigo como toda a terra controlada pola coroa durante máis de dez anos) non podía allearse, excepto en dous casos: con vinculacións, no caso dunha emerxencia financeira, cunha opción perpetua de recomprar a terra, e para formar unha apanaxe, que debería regresar á coroa no seu estado orixinal cando se extinguira a liña masculina.
Tradicionalmente, esperábase que o rei mantivera as súas necesidades vitais a partir das rendas xeradas polo dominio real, pero as necesidades fiscais, especialmente en tempos de guerra, levaron aos reis a promulgar impostos "especiais", como a taille, sobre a totalidade do Reino (a taille fíxose permanente en 1439).