Domesticación
From Wikipedia, the free encyclopedia
A domesticación é a acción ou o efecto de facer doméstico algún ser vivo, é dicir, que viva a carón do ser humano, que se críe na casa. O termo deriva do latín domus, que significa «casa», e domesticus, que ten o mesmo significado que o termo actual. Describe o paso dende estado salvaxe a estado doméstico dalgúns animais pola acción do home. Este proceso prodúcese por mor dos intereses humanos de obter das especies salvaxes alimento, servizo, compaña, roupa, etc.,e comezou hai arredor de once mil anos.[1]
Unha especie domesticada, animal ou vexetal, é unha especie que desenvolveu unhas características morfolóxicas, fisiolóxicas, ou mesmo comportamentais novas e hereditarias, como resultado dunha interacción prolongada, dun control ou dunha selección á mantenta por parte do ser humano.
A domesticación fai referencia tamén ó estado no cal a reprodución, as curas e a alimentación dos animais, ou o ciclo das plantas son controlados de xeito máis ou menos directo polo ser humano. Na linguaxe corrente, a expresión «animal doméstico» emprégase acotío no senso de animal de compaña. Este último termo pódese aplicar a un animal individual, mentres que a domesticación concirne unha poboación ou unha especie enteira. Unha acepción ampla da domesticación tende a tratar tódalas formas de interacción regular da especie humana cunha especie animal.
A principal utilidade das plantas e animais domésticos é a produción de alimentos, así como a doutros produtos útiles como a la, o algodón, ou a seda. Malia isto, os motivos da práctica da gandería ou da agricultura non son sempre estritamente utilitarios e inclúen o pracer, a recreación ou prácticas relixiosas. A domesticación das plantas e dos animais veu da man dos inicios da agricultura e foi un factor esencial no desenvolvemento da civilización. No pasado permitiu a revolución neolítica, mais tamén é un proceso que aínda se mantén até a actualidade.