From Wikipedia, the free encyclopedia
Un diácono, do grego antigo διάκονος, servo, servidor, axudante, a través do latín diāconus, é unha persoa que recibiu o primeiro grao do sacramento da orde sacerdotal na Igrexa Católica, na Igrexa Ortodoxa, nas Igrexas anglicanas ou noutras Igrexas protestantes. Mentres que os presbíteros, que recibiron o segundo grao do sacramento da orde, son os colaboradores do bispo no seu carácter sacerdotal, o diácono é colaborador do bispo no seu carácter ministerial.
O diácono é consagrado pola imposición das mans do bispo. Así, pois, é a imaxe sacramental de Cristo servidor: "Porque o Fillo do Home non veu para ser servido, senón para servir, e para dar a súa vida para a redención de moitos" (Marcos, 10:45).
A súa ordenación, por tanto, dentro do exercicio do sacerdocio, céntrase no servizo da caridade e da proclamación da Palabra de Deus e da liturxia.
O diaconado é un ministerio de orixe apostólica. Nos Feitos dos apóstolos (Feitos: 6, 1-6) [1] nos que se fai mención por primeira vez de homes ordenados para o servizo dos seus irmáns. Tamén se mencionan en Filemón 1, 1 [2] e en 1 Timoteo 3, 8-13 [3]. Os diáconos foron responsábeis das primeiras comunidades cristiás.
O diácono é entón un home elixido polos cristiáns e que, despois da imposición das mans por un dos apóstolos, é chamado para ocuparse dos máis desfavorecidos da comunidade. Moi cedo, tamén se encargaron de xerar bens materiais da Igrexa nacente.
Foron designados, segundo as escrituras, os sete primeiros diáconos da Igrexa primitiva, (Feitos dos Apóstolos 6: 5) por parte dos apóstolos: Estevo, Filipe, Prócoro, Nicanor, Timón, Parmenes e Nicolás.
Entre eles destacaron Santo Estevo, o primeiro diácono e o primeiro mártir cristián, Filipe, o predicador en Samaría e Prócoro, quen, segundo a tradición, fora amanuense do apóstolo San Xoán no seu desterro na illa de Patmos.
A primeira epístola a Timoteo (capítulo 3).[4] comenta todas as cualidades esperábeis do diácono.
Na Biblia podemos ler as seguintes ordenanzas, cualificando os diáconos:
Paulo e Timoteo, servos de Cristo Xesús, a todos os santos en Cristo Xesús que están en Filipos, cos bispos e diáconosFilipenses 1: 1.
Os diáconos igualmente deben ser dignos, homes de palabra, non amigos de moito viño nin de lucros deshonestos1 Timoteo 3: 8.
Deben ser primeiramente experimentados; despois, se non houbera nada contra eles, que actúen como diáconos1 Timoteo 3: 10.
O diácono debe ser marido dunha soa muller e gobernar ben aos seus fillos e a súa propia casa1 Timoteo 3: 12.
Entre os diáconos que tiveron un papel preeminente na historia da cristiandade sobresaíron San Lourenzo, un dos diáconos de Roma, martirizado nunha grella ao lume en 258, e San Francisco de Asís (1182 – 1226).
Dentro da Igrexa Católica existen dous tipos de diáconos:
Os transitorios son ministros relixiosos que están no último dos sete anos de estudos —de media— dos que levan á carreira clerical. Non son sacerdotes até culminar os seus estudos e ser entón ordenados polo bispo. Por tanto, por un tempo, todos os sacerdotes son primeiro ordenados diáconos transitorios (en tránsito cara ao sacerdocio).
Os permanentes poden ser homes solteiros, casados ou viúvos. Deben ser considerados homes "probos" pola comunidade, caritativos, respectuosos, misericordiosos e servizais. É determinación do bispo exixir que sexa casado e, neste caso, necesita do consentimento por escrito da esposa (requisito indispensábel), sendo necesario que a familia leve unha vida concordante cos valores cristiáns, e que o matrimonio teña un mínimo de 5 anos.
Quen é ordenado diácono sendo solteiro ou viúvo se compromete ao celibato permanente. Un diácono casado que perdera á súa esposa non pode volver a contraer matrimonio, pero si pode optar a ser presbítero.
No curso dos tempos a función de diácono foi pouco a pouco evolucionando, en particular na Igrexa latina. Parece que a necesidade de dispoñer de homes dedicados unicamente e este servizo fíxose menos necesaria, e os laicos foron frecuentemente suficientes para asegurar os requirimentos materiais diaconais. Pouco a pouco, o diaconado permanente desapareceu e a orde dos diáconos quedou reducida a unha etapa cara á ordenación presbiterial. De todos os xeitos, como quedou dito, San Francisco de Asís, fundador dos franciscanos no século XIII, era diácono e así permaneceu toda a súa vida. Estes casos de diáconos rarifícanse á fin da Idade Media.
Nas Igrexas católicas orientais, o diaconato gardou o seu carácter permanente para os que o solicitasen.
O diácono proclama o evanxeo e asiste no altar. Pode realizar, baixo a orientación dun sacerdote, algunhas celebracións relixiosas, bautismos, bendicir casamentos, e facer homilías e dirixir oracións. Leva o viático aos enfermos, pero non poden administrar a unción dos enfermos, a antes chamada extremaunción, nin tampouco poden atender confesións.
Ademais pode dirixir a administración dunha parroquia, se lle pode designar unha Diaconía, pode presidir a celebración dominical, pero non presidir a Eucaristía, que lle corresponde só ao presbítero (é dicir, consagrar) e pode realizar outros servizos segundo as necesidades da diocese. En fin, todo o relacionado coa misericordia e caridade, ademais de animar ás comunidades que se lle encomenden.
Seguindo as proposicións do Concilio Vaticano II [5], A Igrexa católica romana restableceu, na súa parte latina, polo Motu proprio de Paulo VI Sacrum Diaconatus Ordinem [6] do 18 de xulo de 1967, o diaconado permanente e a ordenación para o diaconado de homes casados.
Desde o Concilio Vaticano II, o Catecismo da Igrexa Católica ensina que a Igrexa latina restableceu o diaconado "como un grao propio e permanente dentro da xerarquía", mentres que as Igrexas de Oriente mantivérano sempre.[7]. Este diaconado permanente, que pode ser conferido a homes casados, constitúe un arrequecemento importante para a misión da Igrexa.
En efecto, á apropiado e útil que homes que realizan na Igrexa un ministerio verdadeiramente diaconal, xa na vida litúrxica e pastoral, xa nas obras sociais e caritativas, "sexan fortalecidos pola imposición das mans transmitida xa desde os apóstolos e así se unan máis estreitamente ao servizo do altar, para que cumpran con maior eficacia o seu ministerio pola graza sacramental do diaconado" (1571).
E no número anterior, falando da ordenación dos diáconos, "en orden ao ministerio", precisa o Catecismo: "Os diáconos participan dunha maneira especial na misión e a graza de Cristo. O sacramento da Orde marcounos cun carisma que ninguén pode facer desaparecer e que os configura con Cristo que se fixo diácono é dicir, o servidor de todos.[7]. A diaconía é sacramento, é entrega, é consagración ao servizo ministerial do Señor e dos irmáns. De todos os irmáns, en especial dos enfermos, de todos os pobres e de todo aquel que sofre, en xeral.
Corresponde aos diáconos, entre outras cousas, asistir ao bispo e aos presbíteros na celebración dos divinos misterios, sobre todo da Eucaristía e na distribución da mesma, proclamar o Evanxeo e predicar, presidir as exequias dos defuntos, así como todos os sacramentais. Es ministro ordinario do sacramento do bautismo e do matrimonio e propiamente se entrega aos diversos servizos da caridade" (1570).
Só o home (vir) bautizado recibe validamente esta sagrada ordenación. O sacramento da Orde confire un carácter espiritual indelébel e non pode ser retirado nin ser conferido por un tempo determinado. Pódeselle liberar de obrigas e das funcións vinculadas á ordenación e até se lle pode impedir exercelas, pero non volve a ser laico novamente, posto que desde a ordenación queda marcado permanentemente.
O papel do diácono na Igrexa católica romana está definido na constitución dogmática Lumen Gentium: "Segundo as disposicións tomadas pola autoridade cualificada, pertence aos diáconos administrar solemnemente o bautismo, conservar e distribuír a Eucaristía, asistir, en nome da Igrexa, ao matrimonio e de bendicilo, levar o viático aos moribundos, dar lectura aos ideais da Sagrada Escritura, instruír e exhortar ao pobo, presidir o culto e as oracións dos fieis, presidir os ritos fúnebres e a sepultura. Consagrados aos oficios de caridade e de administración, os diáconos deber recordar a advertencia de san Policarpo: ser misericordioso, celoso, vivir segundo a verdade do Señor que se fixo o servidor de todos".[8].
A idade mínima requirida polo Dereito Canónico (CIC § 1031-2) é de 25 anos para o dolteiro. Para os casados, a idade requirida é de 35 anos (e a conferencia episcopal do lugar pode reforzar esta condición (por exemplo, en Francia, requírese un mínimo de 10 anos de matrimonio).
As vestiduras propias do diácono son a estola posta ao modo diaconal, é dicir, cruzada no corpo desde o ombro esquerdo e unida no lado dereito, á altura da cintura e sobre esta a dalmática, vestidura pechada con amplas mangas, utilizada sobre todo nas grandes celebracións e solemnidades.
O diácono tamén pode usar camisa sacerdotal e clegyman se así o prefire.
O cristianismo oriental conservou as ordes menores: chantre, lector, subdiácono , así como o diaconado como orde permanente. Un home casado ou un monxe pode ser ordenado diácono, pero un diácono non casado non pode casar. Os diáconos participan na vida da comunidade parroquial e axudan ao celebrante durante a liturxia (onde, entre outras funcións, len o Evanxeo (sen predicar) e incensan baixo a dirección dun presbítero.
Á parte de ler o Evanxeo e asistir na administración da Comuñón, e de incensar as iconas e pobo, chamar aos fieis á oración, dirixir as ladaíñas, e ter un papel no diálogo da anáfora, na tradición oriental non está permitida a administración de ningún sacramentos, excepto o bautismo in extremis (en perigo de morte), condicións nas que calquera, incluídos os laicos, poden facelo. Cando asisten a un bautizo normal, usualmente é o diácono o que introduce na auga ao bautizado.[10] En contraste coa Igrexa Católica, os diáconos nas Igrexas orientais non presiden a celebración de casamentos, porque na teoloxía oriental este sacramento confírese coa bendición nupcial do presbítero.
A vestimenta diaconal é o sticharion (dalmática), o orarion (estola de diácono), e a epimanikia (bocamangas). Cobre a cabeza co kamilavka clerical (sombreiro cilíndrico)
De acordo coa tradición do Patriarcado Ecuménico, a maneira máis común de dirixirse a un diácono é como "Padre".[11] Dependendo das tradicións locais, aos diáconos se lles chama "Padre", "Padre diácono," "Diácono padre" ou, se quen a apela é o bispo, simplemente como "Diácono".
A tradición de bicar a man dos clérigos esténdese aos diáconos.
Antigamente as Igrexas orientais ordenaban diaconisas. Esta práctica caeu en desuso no segundo milenio, pero foi restaurada (non sen controversia) nalgunhas igrexas.
A San Nectario de Pentápolis se lle imputa ter ordenado un certo número de monxas como diaconisas en conventos.
Historicamente, as diaconisas nunca tiveron a mesma posición na xerarquía que os diáconos. Asistían normalmente no bautizo de mulleres, e atendían as necesidades espirituais das mulleres da comunidade, pero non servían no altar.
O protodiácono (en grego πρωτοδιάκονος: protodiákonos, "pirmeiro diácono") na Igrexa ortodoxa, e tamén nos uniatas), é o diácono principal da diocese. Isto é un título, e non un grao. É unha distinción de honra do diácono máis antigo, que usualmente serve no equipo do bispo diocesano.
Oficia na catedral diocesana. No seu orarion está bordada tres veces a palabra santo, en referencia ao trisaxio. Hoxe en día esta función dáse tamén aos diáconos casados que teñan máis de vinte anos de servizo. Frecuentemente teñen unha boa voz para animar o canto litúrxico.
O arquidiácono é unha figura similar, pero na clerecía monástica.
O anglicanismo en varias provincias restableceu o diaconado como orde permanente. Un home (e, en moitas provincias da Comuñón anglicana, unha muller) pode ser ordenado diácono (e despois presbítero).
Os diáconos participan na vida da comunidade parroquial e concelebran a liturxia (na que, entre outras funcións, len o Evanxeo e poden predicar) cun presbítero.
Ao contrario dos diáconos católicos e ortodoxos que só poden casar antes da ordenación, aos diáconos anglicanos se lles permite libremente casar antes ou despois da ordenación, como aos presbíteros. Moitos diáconos se preparan para o presbiteriado e son usualmente ordenados como presbíteros ao redor dun ano despois da súa ordenación diaconal.
Moitas provincias da Comuñón anglicana ordenan tanto a mulleres como a homes como diáconos. Algunhas destas provincias que ordenan mulleres como presbíteros previamente admiten que só sexan admitidas ao diaconado.
Un efecto diso foi a creación dun amplo e agobiante de diaconado feminino durante moito tempo, mentres que moitos homes son ordenados presbíteros e despois dun tempo moi curto como diáconos.
Os diáconos anglicanos poden bautizar e, nalgunhas dioceses, poden dispensar licenzas de matrimonio, usualmente baixo instrucións do seu párroco e bispo. Comunmente ofician a bendición do Santo Sacramento.
Os diáconos non poden presidir a eucaristía, nin poden pronunciar a absolución dos pecados ou pronunciar a bendición trinitaria.[12]
Os diáconos anglicanos visten igual que os presbíteros. Non obstante, na liturxia usualmente levan estola sobre o seu ombro esquerdo por riba da alba. Poden usar tamén dalmática.
A Igrexas protestantes coñecen o ministerio dos diáconos, encargados da asistencia aos pobres. Este ministerio se exerce ben sexa a través de "institucións ou obras protestantes", independentes das estrutures eclesiásticas stricto sensu, ben no cadro de diaconados parroquiais.
Un ministerio de diácono parroquial tamén pode exercerse na atención de certas partes da poboación parroquial (mocidade, por exemplo), ao lado do ministerio pastoral máis xeral.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.