Disimilación
From Wikipedia, the free encyclopedia
A disimilación é un fenómeno fonolóxico que forma parte da lingüística histórica.
A través deste fenómeno algúns sons consonánticos ou vocálicos dunha palabra dan en facerse menos similares nalgún trazo. Ás veces argúese que a disimilación produce formas máis fáciles de recoñecer polo oínte (mentres que a asimilación produciría formas máis fáciles de pronunciar para o falante), coa consecuencia de que tales resultados son de feito cáusaa dos cambios. Pero todas estas especulacións non se sustentan en datos obxectivos. É máis, a disimilación, incluso en maior grao cá asimilación, adoita aparecer por unha articulación inadecuada.
De calquera modo, ambos procesos poden comportar un cambio na pronunciación dun segmento adxacente ó afectado ou separados por outros; e poden inducir un cambio relacionado cunha parte precedente ou posterior no vocábulo. Así como a asimilación, a disimilación anterior é moito máis común cá posterior; pero xusto ó contrario có outro fenómeno, a maioría das disimilacións afectan a partes non contiguas á inicial. Amais, mentres que moitos tipos de asimilación teñen fonte nunha lei fonética, relativamente poucos procesos disimilatorios se relacionan directamente con elas. A maioría teñen natureza de feito accidental ocorrido sobre unha forma léxica.