Declaración Universal dos Dereitos Humanos
From Wikipedia, the free encyclopedia
A Declaración Universal dos Dereitos Humanos (DUDH)[1][2] é un documento internacional adoptado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas que consagra os dereitos e liberdades basicas de todos os seres humanos. Elaborado por un comité da ONU presidido por Eleanor Roosevelt, foi aceptado pola Asemblea Xeral como Resolución 217[3] durante a súa terceira sesión o 10 de decembro de 1948 no Palacio de Chaillot en París (Francia).[4] Dos 58 membros das Nacións Unidas naquel momento, 48 votaron a favor, ningún en contra, oito abstivéronse e dous non votaron.[5]
Declaración Universal dos Dereitos Humanos | |
---|---|
Eleanor Roosevelt sostendo a Declaración Universal dos Dereitos Humanos (1949) | |
Tipo de_texto | Declaración de dereitos |
Ratificación | 10 de decembro de 1948 |
Texto | texto na web |
Localización | París Francia |
Autores | Asemblea Xeral das Nacións Unidas |
Signatarios | Países das Nacións Unidas |
A declaración do texto fundacional da historia dos dereitos humanos e civís, consta de 30 artigos nos que se detallan os "dereitos básicos e liberdades fundamentais" da persoa e afírmase o seu carácter universal como inherentes, inalienables e aplicables a todos os seres humanos.[4] Adoptada como "ideal común polo que todos os pobos e nacións deben esforzarse", a DUDH compromete ás nacións para recoñecer que todos os seres humanos "nacen libres e iguais en dignidade e dereitos" con independencia "da súa nacionalidade, lugar de residencia, sexo, orixe nacional ou étnica, cor, relixión, lingua ou calquera outra condición social".[6] O canadense John Peters Humphrey foi o redactor principal, asistido pola estadounidense Eleanor Roosevelt, o francés René Cassin e o chinés P. C. Chang, entre outros.
A declaración considérase un "documento histórico" pola súa "linguaxe universalista", que non fai referencia a ningunha cultura, sistema político ou relixión en particular.[7][8] Inspirou directamente o desenvolvemento do dereito internacional dos dereitos humanos, e foi o primeiro paso na formulación da Carta Internacional dos Dereitos Humanos, que se completou en 1966 e entrou en vigor en 1976. Aínda que non é xuridicamente vinculante, o contido da DUDH elaborouse e incorporouse en tratados internacionais posteriores, instrumentos de dereitos humanos rexionais e constitucionais e en códigos xurídicos nacionais.[9][10][11]
Os 193 Estados membros das Nacións Unidas ratificaron polo menos un dos nove tratados vinculantes nos que influíu a Declaración, e a gran maioría ratificou catro ou máis.[4] Aínda que existe un amplo consenso en que a declaración en si non é vinculante e non forma parte do dereito internacional consuetudinario, tamén existe consenso en que moitas das súas disposicións son vinculantes e pasaron a formar parte do dereito internacional consuetudinario,[12][13] aínda que os tribunais dalgúns países foron máis restritivos en canto aos seus efectos xurídicos.[14][15] Segue sendo citada amplamente por profesores universitarios, avogados defensores e por tribunais constitucionais. Avogados internacionalistas continuamente debaten cales das súas estipulacións se poden dicir que constitúen o dereito internacional consuetudinario. As opinións varían moito en canto a isto e cuestiónanse desde algunhas estipulacións até todo o documento, e a súa importancia queda patente en parte polas súas 530 traducións, o maior número de todos os documentos da historia.[16]