Datum
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un datum xeodésico ou sistema de referencia xeodésico é un sistema de coordenadas e un conxunto de puntos de referencia empregados para localizar lugar sobre a Terra ou en obxectos similares. Unha definición aproximada de nivel do mar é o datum WGS 84, un elipsoide, aínda que unha definición máis exacta é o Modelo Gravitacional da Terra 2008 (EGM2008), que emprega polo menos 2159 harmónicos esféricos. Definíronse outros datums para outras áreas ou noutras épocas. Así, o ED50 definiuse en 1950 para Europa e difire do WGS 84 en varios centos de metros dependendo do lugar.
Marte non ten océanos e polo tanto non existe un nivel do mar, mais deseñáronse polo menos dous datums para localizar lugares na súa superficie.
Os datums empréganse en xeodesia, navegación e cartografía, ademais de sistemas de navegación por satélite para trasladar posicións indicadas en mapas á súa posición real na Terra. Comézase cun elipsoide e defínense as coordenadas latitude, lonxitude e altitude. Un ou máis lugares sobre a superficie da Terra escóllense como puntos bases.
A diferenza en coordenadas entre datums adoita referirse como desprazamento do datum. Este desprazamento ppode variar dun lugar a outro nun país ou rexión, e pode variar entre cero e centos de metros (ou varios quilómetros para algunhas illas remotas). O Polo Norte, o Polo Sur e o Ecuador estarán en diferentes posicións en diferentes datums, xa que o norte verdadeiro será lixeiramente distinto. Datums diferentes empregan interpolacións diferentes para a forma e tamaño preciso da Terra.
Dado que a Terra é un elipsoide de referencia imperfecto, os datums localizados poden dar unha representación máis exacta da área que cobren que o WGS 84. Por exemplo, o OSGB36 é unha aproximación mellor ao xeoide nas illas Británicas que o WGS 84 global.[1] Porén, debido ao beneficio dun sistema global, o datum WGS84 está a aumentar a súa adopción.[2]
Os datums horizontais empréganse para describir un punto sobre a superficie da Terra en latitude e lonxitude ou outro sistema de coordenadas. Os datums verticais miden elevacións ou profundidades.