Cuarto de dólar Washington
moeda de curso legal estadounidense / From Wikipedia, the free encyclopedia
O cuarto de dólar Washington é unha moeda co valor nominal de 25 centavos de dólar emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos, cuñada por vez primeira en 1932 e caracterizada pola representación dun busto de George Washington no seu anverso, obra do deseñador e escultor John Flanagan.
Cuarto de dólar Washington Modelo orixinal (1932-1998) [1] | |
---|---|
A/: Retrato de George Washington cara á esquerda. Marca de gravador (JF) e data.
Lendas: LIBERTY / IN GOD WE TRUST. |
R/: Aguia coas ás despregadas de pé sobre un feixe de setas, con dúas pólas de oliveira debaixo. Marca de ceca.
Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / E PLURUBUS UNUM / QUARTER DOLLAR. |
Cando os Estados Unidos se preparaban para a celebración en 1932 do centenario do nacemento do seu primeiro presidente, George Washington, os membros do Comité do Bicentenario creado no Congreso avogaron pola creación dunha moeda de medio dólar na súa honra. Estes congresistas procuraban inicialmente a substitución ese ano do medio dólar "Liberdade camiñando", mais o Congreso optou finalmente por cancelar o cuarto de dólar "Liberdade en pé", para o substituír pola nova moeda en homenaxe a Washington.
O Comité contratara a escultora Laura Gardin Fraser para que crease unha medalla conmemorativa e pediulle que adaptase o seu deseño para a nova moeda. Aínda que o traballo de Fraser contaba co apoio da Comisión de Belas Artes e do seu presidente, Charles W. Moore, o secretario do Tesouro, Andrew W. Mellon, optou no seu lugar por un novo deseño de John Flanagan, e o seu sucesor no cargo, Ogden L. Mills, corroborou tal decisión.
O novo cuarto de dólar Washington de prata entrou en circulación o 1 de agosto de 1932 e seguiu a ser cuñado nese metal ata que en 1965 se cambiou por unha combinación dun núcleo de cobre cun revestimento de cuproníquel, mantendo inalterado o deseño. En 1975 e 1976 produciuse un primeiro cambio no deseño, xa que se utilizou un reverso especial para conmemorar o Bicentenario dos Estados Unidos; todas estas pezas levan no anverso a dobre data da conmemoración (1776-1976), polo que non hai ningún cuarto de dólar coa data de 1975.
A partir de 1999 deixou de utilizarse o reverso orixinal da aguia e, no seu lugar, esta face pasou a estar dedicada a diferentes motivos, como os 50 estados dos EEUU, outras divisións administrativas, lugares históricos e naturais ou mulleres senlleiras da historia do país. O busto de Washington tamén foi lixeiramente modificado en 1999 e fíxose algo máis pequeno, e modificáronse as lendas do anverso. En 2010 restituíuse o busto inicial —mantendo o tamaño inferior—, e en 2021 o deseño orixinal de Flanagan volveu a ocupar o seu lugar no anverso, en tanto que o reverso amosa a Washington cruzando o río Delaware en 1776. Finalmente, en 2022 iniciouse un novo deseño do busto de Washington no anverso: o creado por Laura Gardin Fraser en 1932 para a súa proposta de cuarto de dólar Washington.