From Wikipedia, the free encyclopedia
Cristina de Pizán, coñecida en lingua francesa como Christine de Pisan, nada en Venecia en 1364 e finada no mosteiro de Poissy (Francia) cara a 1430, foi unha filósofa, poeta e humanista italiana medieval. Está considerada a primeira escritora profesional da historia.
Nome orixinal | (fr) Christine de Pizan |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | (it) Cristina da Pizzano 11 de setembro de 1364 Venecia (República de Venecia) |
Morte | 1431 (66/67 anos) Poissy (Reino de Francia) |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Francia |
Actividade | |
Campo de traballo | Poesía, literatura e política |
Ocupación | escritora , filósofa , tradutora , poetisa , women letter writer (en) |
Lingua | Francés medio, latín medieval, lingua italiana, lingua francesa e lingua latina |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Cónxuxe | Étienne du Castel |
Fillos | Jean de Castel, Mattheus de Pisano |
Pai | Thomas de Pisan (pt) |
Parentes | Jean Castel (neto) |
Foi filla de Tomás de Pizán, un físico, astrólogo da corte e chanceler da república de Venecia. Logo do nacemento de Cristina, o pai aceptou ir á corte de Carlos V de Francia como astrólogo real, alquimista e físico. Nese ambiente Cristina aprendeu a falar francés, italiano e latín. No arquivo real, que incluía un gran número de manuscritos, descubriu os textos clásicos e o humanismo do primeiro renacemento.
En 1380 casou con Étienne du Castel, secretario da corte, con quen viviu un matrimonio feliz. Nese mesmo ano finou o rei Carlos V, co que o seu traballo se viu reducido. En 1390 finaron o seu pai e o seu marido, quedando viúva a cargo de tres nenos, a súa nai e unha sobriña. A pequena cantidade de cartos herdada do seu marido foi obxecto dunha disputa legal.
Cristina decidiu manter a súa familia facéndose escritora. Os seus poemas, cancións e baladas axiña tiveron boa acollida. A súa popularidade aumentou e foi apoiado por cabaleiros e damas, como os duques de Burgundy (Berry, Brabante e Limburgo), o rei Carlos VI e a súa esposa Isabel de Baviera-Ingolstadt.
Cristina estaba devastada polas hostilidades con Inglaterra no marco da guerra dos Cen Anos, e en 1418 retirouse a vivir nun convento. Foi contemporánea da líder militar Xoana de Arco, quen convenceu o rei Carlos VII para que expulsase os ingleses de Francia. A ela dedicou unha das súas últimas obras, Ditie de Jehanne dArc, en 1429, onde celebra a súa aparición pois, segundo de Pizan, reivindica e recompensa os esforzos de todas as mulleres en defensa do seu propio sexo.[1]
En 1400 publicou L'Épistre de Othéa a Hector, un conxunto de 90 contos alegóricos. De 1403 é Livre de la mutation de fortune, un poema longo con exemplos tomados da súa vida e da doutros personaxes famosos. Tamén dese ano é Le Chemin de long estude. En 1404 Filipe II de Borgoña encargoulle a biografía do seu irmán falecido, Carlos V de Francia. Así, en Le Livre des Fais et bonnes meurs du sage roy Charles V ("Os feitos e boas maneiras do rei Carlos V"), incluía un informe loubador e detallado do rei e da súa corte.
En 1406 publicou Le Livre des trois vertus ("O libro das tres virtudes"), adicado á delfina francesa Margarida de Borgoña, pouco despois do seu matrimonio con Luís de Valois, duque de Guiena. No texto aconselláballe "o que debía aprender e como debía comportarse". O manuscrito puido ser encargado polo pai de Margarida, Xoán I de Borgoña. Tempo despois Margarida casou en segundas nupcias con Artur III da Bretaña, quen combateu no bando de Xoana de Arco. O poema que Cristina lle adicou á doncela de Orleáns puido ser encomendado por Margarida de Borgoña antes de falecer.
Os seus poemas organízanse en coleccións que seguen unha trama narrativa. Moitos deles teñen carga autobiográfica, como Seulette suy et seulette vueil estr ("Soíña estou e soíña quero estar"), e contiñan información biográfica detallada, algo infrecuente na época. Os seus primeiros poemas, baladas de amores perdidos, transmitían a tristeza por quedar viúva de forma prematura, e fixéronse populares de inmediato. Calcúlase que entre 1393 e 1412 compuxo unhas 300 baladas e numerosos poemas breves.
Estivo implicada na primeira polémica literaria francesa, considerada un rudimentario manifesto de movemento feminista. Escribiu varias obras en prosa defendendo as mulleres fronte ás calumnias de Jean de Meung no Roman de la Rose. L'Épistre au Dieu d'amours ("A epístola ao Deus dos Amores", 1399) e Dit de la Rose ("Dito da Rosa", 1402), critican a segunda parte de Roman de la Rose, que provocara un considerable debate entre a intelectualidade da época. L'Épistre au Dieu d'amours foi escrita para opoñerse ás actitudes cortesás con respecto ao amor.
A súa autobiografía La visión de Christine (1405) naceu como réplica aos seus detractores. Deulle continuidade coa obra A cidade das mulleres (1405), unha colección de historias de heroínas do pasado, e considerada por parte da crítica actual como precursora do feminismo contemporáneo.[2] Na obra O segundo sexo (1949), Simone de Beauvoir di que en Epitre au Dieu d'Amour é "a primeira vez que vemos unha muller tomar a súa pluma en defensa do seu sexo". En 1406 publicou outro libro con esta temática, chamado Le Livre des trois vertus. En 1429 escribiu Ditie de Jehanne d'Arc, onde reivindica e recompensa os esforzos de todas as mulleres en defensa do seu propio sexo.
Tamén opinou sobre política en Epistre à Isabelle de Bavière (1405) e sobre xustiza militar en Le Livre des Faits d'armes et de chevalerie (1410).
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.