![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/f/ff/Coupe-menstruelle.jpg/640px-Coupe-menstruelle.jpg&w=640&q=50)
Copa menstrual
From Wikipedia, the free encyclopedia
A copa menstrual ou copa vaxinal é un recipiente que se insire na vaxina durante a menstruación para recoller o sangrado. O seu funcionamento consiste en xerar un selo que evita posíbeis filtracións. A diferenza doutros absorbentes internos, coma os tampóns, a copa non absorbe o fluído, senón que fica depositado até a súa extracción e baleirado.[1][2] Está fabricada principalmente en látex ou silicona médica. Para garantir un correcto uso, cómpre hixienizar as mans ao introducila e retirala, non deixala colocada máis de doce horas continuas, e desinfectala ao principio e final do ciclo menstrual.[3][4]
![]() | Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
As primeiras patentes rexístranse dende 1867, mentres que os primeiros casos de comercialización déronse na década de 1930 nos Estados Unidos. Estes dispositivos comercializáronse de maneira intermitente durante o século XX até a década de 1980, co xurdimento da marca The Keeper. A copa menstrual pode adquirirse en máis de 99 países, malia que a taxa de uso segue sendo baixa.[5][6]
En termos sanitarios, a copa menstrual é considerada un dispositivo seguro e aceptábel para a hixiene menstrual.[7] Con todo, poden aparecer síntomas coma dor, irritación da canle vaxinal e lesións leves.[8] Non se probou unha relación co aumento de enfermidades ou patoloxías específicas, como a síndrome de shock tóxico ou a endometriose. Porén, si se observaron beneficios, como unha menor taxa de candidiase e vaxinose bacteriana.[6]
Polo seu carácter reutilizábel, a copa menstrual ten menor impacto ambiental cós produtos de hixiene descartábeis.[9] A nivel económico, ten unha vida útil de até dez anos, malia que a súa adquisición pode supoñer un obstáculo en determinados sectores socioeconómicos.[10] Existen trazos culturais que dificultan ou mesmo evitan o acceso a este dispositivo, especialmente en contornas que manteñen un tabú sobre a virxindade e a sexualidade feminina, ou onde a educación sexual, a xestión da menstruación ou as infraestruturas de saneamento son deficientes.[11]