From Wikipedia, the free encyclopedia
O compoñente secretor é un compoñente polipeptídico do anticorpo IgA, que é necesario para que a a IgA se poida secetar polas mucosas. Está formado por unha porción do receptor polimérico das inmunoglobuinas, que permanece unido á IgA. Ademais do compoñente secretor unido a IgA, nas secrecións unha fracción do compoñente secretor atópase libre (separado da IgA).[1]
O IgA producido polos linfocitos B é o principal anticorpo nas secrecións corporais, como as vertidas no intestino, bágoas, saliva etc. O IgA vértese ao sangue e despois debe atravesar as células epiteliais dos órganos para ser segregada. As células dos epitelios mucosos a través dos cales se segrega a IgA teñen un receptor para a IgA chamado receptor polimérico das inmunoglobulinas. A IgA únese a este receptor na superficie basolateral da célula epitelial formando un complexo, que é endocitado e penetra na célula, e seguidamente atravesa a célula pasando por diversos compartimentos celulares (transcitose) ata chegar á superficie luminal (que dá ao lume do intestino ou da glándula), onde o complexo receptor-IgA será liberado por exocitose. Durante a transcitose o complexo sofre proteólise na zona do receptor, de maneira que a IgA se libera, pero queda unido a ela un fragmento do receptor (o resto do receptor queda separado), e ese fragmento é o compoñente secretor. Unha vez libre a IgA (co seu compoñente receptor unido) difunde no lume.[2]
Ademais do seu papel na secreción, os carbohidratos que contén o compoñente secretor aseguran a unión da IgA ao revestimento mucoso do intestino e tracto respiratorio, o que facilitará a eliminación de bacterias, polo que é crucial para que haxa unha eficaz protección contra os microbios no epitelio intestinal, mantendo a barreira de "exclusión inmune". Experimentos con compoñente secretor recombinante humano demostraron que o compoñente secretor está implicado en establecer interaccións locais co mucus que facilitarán a localización da IgA no revestimento intestinal.[3] O compoñente secretor humano leva seis cadeas laterais de carbohidratos[4], que melloran a estabilidade da IgA, pero tamén son os que serven para a súa interacción co mucus no revestimento intestinal, xa que os compoñentes secretores desglicosilados non poden facilitar a unión da IgA ao mucus.
Outras propiedades do compoñente secretor son a protección das IgA da degradación proteolítica no tracto gastrointestinal e cavidade oral, e na neutralización de toxinas bacterianas ou da adhesión bacteriana por medio dunha unión non específica directa.[5] Informouse tamén que o compoñente secretor ten a capacidade de estimular aos eosinófilos[6]
En contra do que se pensaba inicialmente, parece que o compoñente secretor non se une igual ás dúas formas de IgA secretoras. Na IgA1 humana, a unión do compoñente secretor é covalente polo establecemento na parte final da transcitose dunha ponte disulfuro entre a Cys467 do dominio 5 do compoñente secretor e a Cys311 do dominio CH2 da cadea α1 da IgA[7]. Polo contrario, na IgA2, máis difícil de purificar e menos estudada, parece que o compoñente secretor se une non covalentemente.[8]
A estrutura do compoñente secretor foi determinada por raios X, dispersión de neutróns, ultracentrifugación e modelaxe. O compoñente secretor libre ten cinco dominios glicosilados de tipo variable (V) (D1-D5) e unha estrutura moi compacta con forma de J na cal os dominios D4 e D5están dobrados para atrás contra os dominios D2 e D3 e as cadeas de carbohidratos están todas a un lado da molécula.[9]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.