From Wikipedia, the free encyclopedia
Claude Lévi-Strauss, nado en Bruxelas (Bélxica) o 28 de novembro de 1908[1] e finado en París o 30 de outubro de 2009[2],[3] considérase un dos maiores antropólogos de todos os tempos. Estudou e pasou a maior parte da súa vida en París.
Claude Lévi-Strauss estudou Dereito e Filosofía na Sorbona. Non continuou os seus estudos de dereito, senón os de filosofía en 1931. Despois duns anos no ensino secundario, colleu unha oferta de última hora para ser parte da misión cultural francesa no Brasil, país ao que serviría como profesor visitante na Universidade de São Paulo.
Viviu no Brasil desde 1935 a 1939. Nese tempo realizou o seu primeiro traballo de campo etnográfico, dirixindo buscas periódicas no Mato Grosso e a selva tropical amazónica. Esta foi a experiencia que consolidou a Lévi-Strauss como profesional da antropoloxía.
Retornou a Francia na véspera da guerra e foi mobilizado (1939-1940). Despois do armisticio marchou aos Estados Unidos, onde impartiu clases no New School for Social Research de Nova York. Chamado a Francia en 1944 polo Ministro de Asuntos Exteriores, volveu aos Estados Unidos en 1945. Tras un breve paso pola Embaixada Francesa de Washington como adxunto cultural (1946–1947), regresou a París para doutorarse logo de presentar tesiña e tese (1948). Os anos en Nova York servíronlle para formarse en moitos aspectos, a súa relación con Roman Jakobson axudouno a dar forma ás súas teorías (Roman Jackobson e Lévi-Strauss están considerados as figuras centrais do estruturalismo). Tamén hai que sinalar a influencia da obra do lingüista suízo Ferdinand de Saussure. Ademais, colegas antropólogos como Franz Boas introducírono na Antropoloxía estadounidense.
Despois dun breve lapso de 1946 a 1947, Lévi-Strauss regresou a París en 1948. Ao mesmo tempo recibía o doutoramento da Sorbona pola súa tese «maior» e «menor». As estruturas elementais do parentesco e A vida familiar e social dos indios Nambikwara.
Esta última obra foi publicada ao ano seguinte e instantaneamente foi recoñecida como unha das máis importantes da antropoloxía, cunha crítica favorable de Simone de Beauvoir, quen a viu como un importante estudo da posición da muller nas culturas non occidentais. As estruturas elementais do parentesco (cun título análogo á famosa As formas elementais da vida relixiosa, de Émile Durkheim) reexaminou como as persoas organizaban as súas familias. Mentres os antropólogos británicos como Alfred Radcliffe-Brown sostiñan que os parentescos estaban baseados na ascendencia dun devanceiro común, Lévi-Strauss pensaba que estes parentescos tiñan máis que ver coa alianza entre dúas familias, cando a muller dun grupo casaba co home doutro.
Entre 1940 e principios de 1950, Lévi-Strauss continuou publicando cun éxito considerábel. Ao seu regreso a Francia, implicouse na administración do CNRS e o Museo do Home, antes de chegar a ocupar un posto na École Pratique des Hautes Études. Máis tarde foi nomeado profesor de antropoloxía social do Collège de France, posto que ocupou desde 1959 ata a súa xubilación en 1982. En 1973 foi galardoado co Premio Erasmus.[4]
Sendo Lévi-Strauss xa coñecido nos círculos académicos, en 1955 publicou Tristes trópicos. Este libro era esencialmente unha viaxe novelada, sobre as súas expedicións etnolóxicas no Brasil entre 1935 e 1939: Coa súa muller, explorou a rexión onde viven os indios kadiwéus e bororos, no Estado de Mato Grosso, recollendo material etnográfico para o Museo do Home, en París. No libro fixo un uso exquisito da prosa, a filosofía e a análise etnográfica, ata lograr unha obra mestra. Os organizadores do Premio Goncourt lamentaron non estar capacitados para premialo, porque Tristes trópicos era tecnicamente un relato de non-ficción.
As teorías de Lévi-Strauss expóñense en Antropoloxía Estrutural (1958). Resumindo, considera a cultura un sistema de comunicación simbólica que se debe investigar con métodos que outros utilizaron máis en relación coa literatura, a política, os deportes ou a filmografía, a clave para el estaría en organizar datos sinxelos do modo máis simple. Nas súas obras, influído por Durkheim e Mauss, preconiza a aplicación do método estrutural das ciencias humanas. Asevera que unha auténtica análise científica debe ser explicatoria e simplificativa, e que as análises fonéticas revelan características reais, de maneira que os usuarios da lingua poden recoñecelas e responder ante elas, por iso moitos aspectos deste tipo de análise serían aplicables á investigación en Antropoloxía.
Lévi-Strauss goza dun lugar preeminente entre os investigadores que afirman que as diferentes culturas dos seres humanos, as súas condutas, esquemas lingüísticos e mitos revelan a existencia de patróns comúns a toda a vida humana. Realizou multitude de estudos sobre relacións de parentesco e outras relacións humanas e as súas repercusións en todo o colectivo. Para el, a importancia do estudo antropolóxico debe centrarse nas demandas de orde social. E grazas a el, hoxe téndese a rexeitar os enfoques etnocentristas na investigación etnolóxica humana a favor dos estudos orientados a comparar as tecnoloxías dos pobos chamados primitivos en oposición a Occidente; valoraríanse as súas clasificacións da natureza ou o diagnóstico de enfermidades, por exemplo.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.