Remove ads
sociólogo francés From Wikipedia, the free encyclopedia
David Émile Durkheim, nado en Épinal (Lorena) o 15 de abril de 1858 e finado en París o 15 de novembro 1917, foi un dos fundadores da socioloxía moderna, xunto a Max Weber. Fundador da primeira revista dedicada ás ciencias sociais, o Année Sociologique, co cal tamén se identifica ao grupo de estudosos que desenvolveu o seu programa de investigación sociolóxica.
A pesar de ser fillo dunha familia profundamente relixiosa (o seu pai era rabino), Durkheim tivo unha vida completamente secular. Desde mozo sentiuse atraído polo método científico, que se opuña á súa educación baseada na relixión. Moitos dos seus traballos, de feito, dedícanse a demostrar que os fenómenos relixiosos proveñen de factores sociais máis que divinos. Os seus antecedentes xudeus, porén, moldearon a súa socioloxía, e moitos dos seus estudantes e colaboradores foron compañeiros xudeus ou parentes de sangue.
Durkheim entrou na École Normale Supérieure (Escola Normal Superior), en 1879. A súa xeración foi unha das máis brillantes do século XIX e moitos dos seus compañeiros de clase, tales como Jean Jaurès e Henri Bergson convertéronse en importantes figuras da vida intelectual francesa. Na ENS (Escola Normal Superior), Durkheim estudou con Fustel de Coulanges cando se graduou en filosofía en 1882.
En 1887, noméano profesor de pedagoxía e ciencia social da Universidade de Bordeos. Comeza as súas ensinanzas en socioloxía, sendo o primeiro en ensinar esta ciencia en Francia.
Teóricos anteriores vían á socioloxía cun espírito moi positivista, dándolle calidades puramente psicolóxicas ou organicistas. Polo contrario Durkheim concibiu a existencia de fenómenos especificamente sociais ("feitos sociais"), que constitúen unidades de estudo que non poden ser abordadas con técnicas que non sexan as especificamente sociais.
Durkheim definiu os feitos sociais en As regras do método sociolóxico como: ..."modos de actuar, pensar e sentir externos ao individuo, e que posúen un poder de coerción en virtude do cal se impoñen".
Durkheim tamén afirmou que a sociedade é algo que esta fora e dentro do home ao mesmo tempo grazas a que este adoptaba e interiorizaba os valores e a moral da sociedade, disto tamén deriva que algúns se vexan obrigados a certos parámetros e límites cos que non están de acordo e se rebelen ante ela.
Estes feitos existen con anterioridade ao nacemento dun individuo en determinada sociedade; polo tanto, son exteriores a el. Son colectivos porque son parte da cultura da sociedade, e son coercitivos porque os individuos se educan conforme ás normas e regras dela só polo feito de nacer naquela ("se existían antes é que existen fora de nós"); e menciona a lingua natal, a escritura e o sistema monetario como exemplos.
Na súa tese de doutoramento publicada en 1893, Durkheim considera o problema da solidariedade social. O seu estudo baseouse na distinción de dúas formas de solidariedade.
A solidariedade é, para Durkheim, un feito moral; polo tanto, sen a posibilidade de aparecer positivamente, como un feito externo, debe buscarse algún fenómeno que teña esa existencia exterior, que sexa tanxíbel e positivo: que represente ou indique a ese elemento moral. Atopa esas condicións nas formas da pena e estas aparecen nas formas do dereito.
A pena represiva, expresada no dereito penal, aparece naquelas sociedades con fortes estados de conciencia colectiva, para as que o crime é unha ofensa a toda a sociedade. Por iso se fai necesaria unha dura pena. Esta característica dáse nas sociedades primitivas.
En cambio, nas sociedades modernas está instalada a pena restitutiva, aquela que pretende volver as cousas ao estado anterior a aquel no que foi cometido o crime. A ofensa non se comete contra toda a sociedade, senón que é un problema entre as partes. Nas sociedades modernas existen as formas de dereito civil, da familia, do comercio. Os homes, ao nacer distintos entre si, son diferentes, por iso existe unha división do traballo social.
Mas sociedades primitivas, a solidariedade xorde da conciencia colectiva e denomínaa solidariedade mecánica: a identificación cun grupo social prodúcese polas condicións de igualdade, está en voga a idea de comunidade en tanto os individuos teñen "cousas en común", que producen un forte compromiso. En canto á división do traballo, non hai especialización, pero si ascenso (Durkheim da dous exemplos de sociedades primitivas nun contexto moderno: A Igrexa e o Exército, fortemente verticalistas ambas as dúas). Nas sociedades modernas, esa conciencia colectiva é máis débil e a solidariedade que existe nelas é orgánica, posto que xorde das diferenzas producidas pola división social do traballo, que é en xeral a resposta que no século XIX dá á pregunta sobre a orixe de todo feito social. A solidariedade é, máis particularmente, por necesidade neste tipo de sociedades, nas que as paixóns son substituídas polos intereses.
Nesta obra aparece a primeira formulación dunha categoría que se instala firmemente no pensamento de Durkheim: a anomia. Cando comeza a analizar o funcionamento das sociedades complexas (ou modernas), encóntrase con esta clasificación, entendendo a anomia como unha carencia de solidariedade social, dado que as relacións cos órganos non están regulamentadas polo desaxuste orixinado pola permanente modernización. Particularmente, Durkheim atopa no contrato social un factor de anomia, xa que non garante a orde.
A anomia será tratada na súa obra O suicidio, onde demostra que o suicidio anómico se debe a unha repentina ruptura do equilibrio social. A anomia é o mal que sofre unha sociedade a causa da ausencia de regras morais e regras xurídicas. Esta ausencia se debe ao desequilibrio económico e/ou ao debilitamento das súas institucións, e que implica un baixo grao de integración.
Durkheim propón estudar os feitos sociais como "cousas" (non porque estes sexan cousas materiais propiamente ditas, senón pola súa característica de observábeis e verificábeis empiricamente), pois enuncia que poden ser observados e contrastados por medio do método científico, establecendo tres regras básicas.
Para Durkheim, a sociedade está estruturada ao redor dun conxunto de piares que se manifestan a través de expresións. Así, achégase ao Deus de Spinoza tal como foi tomado posteriormente polo estruturalismo, que encontra neste autor antecedentes e fundamentos. Non obstante, non se debe confundir este concepto coa caracterización que Durkheim fai de Deus e as relixións, que, tal como figura en As formas elementais da vida relixiosa, describe ás crenzas relixiosas expresadas en ritos, simboloxías, emblemas ou ideas abstractas como representacións elaboradas pola sociedade para afirmar o seu sentido, o seu obxectivo como tal. As crenzas evidéncianse como indispensábeis para a reprodución da sociedade, en tanto levan consigo unha moral (deste modo, ao falar de crenzas estamos expostos ao factor subxectivista no pensamento de Durkheim, xa que para facer efectiva a fin dos lazos sociais é necesario que os compoñentes da sociedade se apropien das crenzas internalizadas e actúen conforme a elas).
Así, a idea de Deus provén do home, aínda que a súa manifestación como substancia sexa spinoziana (expresa os seus atributos pero non crea).
Tomada de Spencer, e en estreita relación co concepto de "estrutura", a idea de función lévaa implícita: dada unha sociedade estruturada en torno a un sistema, nel cada individuo cumpre funcións ou roles, é dicir, un conxunto de obrigas definidas antes de que a súa concreción chegue a darse. Esta idea constitúe un legado importantísimo para o funcionalismo e o pensamento norteamericano en xeral.
Segundo a visión durkheimiana, o Estado defínese polas funcións que cumpre, que deben ser limitadas, xa que non ten que manexar os lazos sociais nin a conciencia colectiva. O Estado é un tipo de conciencia colectiva, pero non a concentra toda: é un órgano de pensamento social, e a súa función específica é elaborar certas representacións sociais para dirixir a conduta colectiva.
Ante o crecente desenvolvemento do marxismo na súa época, que vía a existencia de conflitos como propia da sociedade e do autodespregue da historia, é dicir, como factor necesario para o progreso; Durkheim entendía os conflitos como anomalías dentro do avance cara a orde e o progreso, dúas ideas centrais nas concepcións da sociedade daquela época.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.