Cerámica de figuras negras
From Wikipedia, the free encyclopedia
A pintura de olaría de figuras negras, tamén coñecida como o estilo de figuras negras ou cerámica de figuras negras (en grego, μελανόμορφα, melanomorpha) é un dos estilos de pintura en vasos gregos antigos. Foi especialmente común entre os séculos -VII e -V, aínda que hai exemplares máis recentes que datan até o século II a. C. Pódese distinguir do período orientalizante precedente e do estilo de cerámica de figuras vermellas posterior.
As figuras e ornamentos eran pintados nos vasos empregando formas e cores similares a siluetas. Antes de enfornar incidíanse delicados contornos na pintura e os detalles podíanse reforzar e resaltar con cores opacas, normalmente branco e vermello. Os principais centros deste estilo foron Corinto e, máis tarde, Atenas. Houbo outros sitios de produción importantes en Laconia, Beocia, leste de Grecia e Península Itálica (con estilos individuais destinados en parte ao mercado etrusco). Os etruscos tamén desenvolveron a súa propia industria cerámica de figuras negras influída polos modelos gregos.