From Wikipedia, the free encyclopedia
O caso Gürtel (Gürtel en alemán é o termo para "cinto" ou "correa") é o nome que lle deu o xuíz instrutor Baltasar Garzón á investigación que en 2009 tratou de investigar unha presunta trama delitiva na que estaban implicados diversos empresarios e varios políticos do Partido Popular en España.
Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente. |
O centro da trama sería supostamente o empresario madrileño Francisco Correa e tres dos seus socios e homes de confianza, o galego Pablo Crespo, Álvaro Pérez (alias El Bigotes) e Antoine Sánchez. O seu obxectivo sería supostamente desenvolver un conglomerado de negocios para aproveitar fondos de entidades públicas, en particular dalgúns concellos e comunidades autónomas, como Madrid e Valencia.
As empresas nas que que basearían este conglomerado denomínanse Special Events e Orange Market, e operaban no sector da organización de eventos e na arquitectura efémera. Os contratos coas administracións públicas conseguiríanse supostamente mediante doazóns e agasallos, comisións ilegais[1] e subornos a funcionarios e autoridades públicas. A partir deste núcleo inicial a trama tería tres ramificacións principais, en función das instancias xudiciais que poden responsabilizarse do caso.
A existencia de imputados ou posibles imputados con cargos nas administracións públicas valencianas obrigou o xuíz instrutor inicial, Baltasar Garzón, a trasladar a causa ao Tribunal Superior de Xustiza de Valencia. Neste caso, os empresarios recibiron distintos contratos das administracións públicas valencianas (que o xuíz instrutor valorara en cinco millóns de euros) ao mesmo tempo que facían agasallos en roupa e complementos téxtiles a determinados políticos, fundamentalmente o presidente da Generalitat Valenciana Francisco Camps, o secretario xeral do PP Ricardo Costa e o secretario de organización José Víctor Campos[2], pero tamén outras figuras como a alcaldesa de Valencia Rita Barberá[3]. A fiscalía tentou probar a relación de causalidade entre estes dous feitos, para o que contou coa testemuña do xastre encargado de confeccionar eses traxes.
Ambos os políticos foron chamados a declarar como imputados. Porén, o Tribunal Superior de Xustiza de Valencia, presidido polo xuíz Juan Luis de la Rúa, amigo íntimo do acusado Francisco Camps[4], sobreseu o caso[5] ao entender que non se podía probar esa relación de causalidade entre os agasallos e a concesión de contratos. O presidente do Partido Popular, Mariano Rajoy, apoiou publicamente a Camps e diversos cargos políticos do PP acusaron ao goberno socialista de conspirar para perseguir xudicialmente ao Partido Popular[6]. A fiscalía anticorrupción[7] presentou un recurso, polo que o caso está pendente de resolución no Tribunal Supremo.
Paralelamente, a policía investigou unha trama que vencellaba esas mesmas empresas coa tesourería do Partido Popular de Valencia, e onde se sinalaba a posibilidade de que esas empresas financiasen ilegalmente o PP. Nesa trama estarían implicados presuntamente o vicepresidente valenciano Vicente Rambla, o secretario xeral do PP valenciano, Ricardo Costa, o vicesecretario, David Serra, e a tesoureira do partido, Yolanda García Santos[8]. O Tribunal Superior de Xustiza de Valencia non admitiu o informe policial porque non lle fora requirido nin había ningunha denuncia presentada pola fiscalía a ese respecto.
O 15 de xuño, o xuíz instrutor do caso no Tribunal Superior de Xustiza de Madrid remitiuno ao Tribunal Supremo do Estado Español, ao apreciar indicios de delito na actuación dos parlamentarios populares Jesús Merino e Luis Bárcenas, este último tesoureiro do partido[9], e que ao tempo ameaza con revelar información confidencial dos propios populares cando algunhas voces reclaman o seu cesamento[10].
O 28 de xullo, Luis Bárcenas foi o primeiro dos imputados en presentar a súa dimisión, malia que afirmou que se trataba dunha saída temporal e consensuada co seu partido. Con todo, mantivo o seu escano de deputado. O 8 de abril de 2010 pediu a baixa como militante do Partido Popular.
Segundo informacións do diario El País, un novo informe policial foi remitido ao Tribunal Superior de Xustiza de Madrid implicando a José Manuel Fernández Santiago, presidente do parlamento de Castela e León e ex conselleiro de Fomento, nunha adxudicación amañada con repartición de comisións ilegais, que ascenderían a 72.000 euros, repartidos entre diversos cargos do Partido Popular[11].
O caso Gürtel tamén botou raíces en Galiza, pois proporcionou cartos para a campaña electoral galega de 2005. O exsecretario xeral de organización do PPdeG, Pablo Crespo[12], é un dos imputados[13]. Amais, no auto de Garzón figuran unha empresa con sede en Vigo e mais un alto cargo do PP da Deputación de Pontevedra, o exalcalde de Cangas José Enrique Sotelo[14].
A Xunta de Manuel Fraga autorizou en abril de 2005 a construción da cementeira de Coirós, denominada Gallega de Molienda de Clinker e presidida por Ramón Blanco, citado a declarar por Baltasar Garzón e antigo socio de Pablo Crespo[15]. Catro responsables da cementeira foron detidos en 2011 acusados de fraude fiscal pola Axencia Tributaria[16].
Unha rede de arredor de vinte compañías con sede en Galiza, lideradas por Ramón Cerdá Sanjuan, acabadas de crear ou sen actividade, foi empregada por altos cargos do Partido Popular implicados no caso para lograren adxudicacións[17].
Juan Casares, ex deputado do PPdeG no parlamento galego, e José Enrique Sotelo, deputado provincial por Pontevedra e líder dos populares en Cangas, forman parte tamén da trama ao asinaren e seren responsábeis da teren certificado uns parquímetros inexistentes na vila de Cangas[18]. Por outra banda, as empresas da familia de Casares recibiron un total de 19 millóns de euros en contratos da Xunta entre 2000 e 2005[19].
Segundo un informe policial do que se fixeron eco os medios no mes de setembro de 2009, máis do 52% dos gastos derivados do PPdeG nas contas das empresas relacionadas co caso Gürtel foi pactado en diñeiro negro entre os anos 1996 e 1999, sendo daquela Pablo Crespo o secretario de organización do partido[20].
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.