Capacidade calorífica
From Wikipedia, the free encyclopedia
A capacidade calorífica dun corpo é o cociente entre a cantidade de enerxía calorífica transferida a un corpo ou sistema nun proceso calquera e o cambio de temperatura que experimenta. Nunha forma menos formal podemos dicir que é a enerxía necesaria para aumentar 1 K a temperatura dunha determinada cantidade dunha substancia, (usando o SI).[1] Indica a maior ou menor dificultade que presenta dito corpo para experimentar cambios de temperatura cando se lle subministra calor, e pode interpretarse como unha medida da inercia térmica.
É unha propiedade extensiva, xa que a súa magnitude depende non só da substancia, senón tamén da cantidade de materia do corpo ou sistema; por iso, é característica dun corpo ou sistema particular. Por exemplo, a capacidade calorífica da auga dunha piscina olímpica será maior que a dun vaso de auga. En xeral, a capacidade calorífica depende, ademais, da temperatura e da presión.
A capacidade calorífica non debe ser confundida coa capacidade calorífica específica ou calor específica, a cal é a propiedade intensiva que se refire á capacidade dun corpo "para almacenar calor",[2] e que é o cociente entre a capacidade calorífica e a masa do obxecto. A calor específica é unha propiedade característica das substancias e depende das mesmas variábeis que a capacidade calorífica.[1]