Cacatúidos
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os cacatúidos (Cacatuidae) son unha familia de aves que comprende as 21 especies de cacatúas[2], a cal é a única familia da superfamilia Cacatuoidea. Xunto cos Psittacoidea (os verdadeiros papagaios) e os Strigopoidea (os grandes papagaios de Nova Zelandia), constitúen a orde Psittaciformes. A familia ten unha distribución principalmente australasiática, que vai desde as Filipinas e a parte leste de Indonesia da rexión de Wallacea a Nova Guinea, as illas Salomón e Australia.
Cacatuidae | |||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Eolophus roseicapilla en Australia. | |||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||
| |||||||||||
Área de distribución actual das cacatúas en vermello. Achados de fósiles recentes en azul. | |||||||||||
Xéneros | |||||||||||
Probosciger | |||||||||||
Sinonimia | |||||||||||
As cacatúas son recoñecibles polas súas aparatosas cristas de plumas e os seus peteiros curvados. A súa plumaxe xeralmente é menos colorida que a doutros papagaios, xa que é principalmente branca, gris ou negra e a miúdo con plumas coloreadas na crista, cara e cola. Como media son máis grandes que outros papagaios; porén, o Nymphicus hollandicus, que é a especie de menor tamaño, é unha ave pequena. A posición filoxenética do N. hollandicus aínda non está resolta, pero é unha das primeiras pólas que se esgallaron da árbore da liñaxe dos cacatúas. As restantes especies forman dous grandes clados. As cinco grandes cacatúas de cor negra do xénero Calyptorhynchus forman unha das pólas. A segunda e máis grande das pólas está formada polo xénero Cacatua, que comprende 11 especies de cacatúas de plumaxe branca e catro xéneros monotípicos que se separaron temperanmente.
As cacatúas prefiren comer sementes, tubérculos, cormos, froitos, flores e insectos. Aliméntanse a miúdo en grandes bandadas, especialmente cando se alimentan no chan. As cacatúas son monogamas e aniñan en ocos das árbores. Algunhas especies de cacatúas foron moi prexudicadas pola perda do seu hábitat, especialmente pola escaseza de ocos nas árbores axeitados para a aniñación unha vez que son cortadas as árbores maduras; porén, algunhas especies adaptáronse ben aos cambios humanos e son consideradas pragas para a agricultura.
As cacatúas son aves populares como mascotas, pero son esixentes en canto ás súas necesidades. O Nymphicus hollandicus é a especie de cacatúa máis doada de manter e, con diferenza, é a que se ten con máis frecuencia en catividade. As cacatúas brancas téñenese en catividade menos frecuentemente que as negras. O comercio ilegal de cacatúas silvestres capturadas contribúe ao declive dalgunhas especies de cacatúas na natureza.