From Wikipedia, the free encyclopedia
O Bosque Escuro é un territorio ficticio do legendarium de J. R. R. Tolkien situado no continente da Terra Media, que aparece n'O hobbit, O Señor dos Aneis e outras obras relacionadas.
O Bosque Escuro era unha vasta fraga situada en Rhovanion, ao leste do río Anduin e ao sur das Montañas Grises. O nome semella ser unha tradución directa dun nome descoñecido en Oestron, a lingua franca da Terra Media na Terceira Idade. No seu interior atopábase o Reino do Bosque dos Elfos Silvanos, gobernado polo seu rei, Thranduil, que estabeleceu alí a súa corte ao redor do ano 1000 da Segunda Idade, cando o Bosque Escuro era aínda coñecido como o Gran Bosque Verde (Eryn Galen).[1] Sobre o ano 1050 da Terceira Idade, cando a "sombra de Dol Guldur" caeu sobre el, os homes comezaron a chamalo Taur-nu-Fuin (Sindarin: a Fraga baixo a Noite) e Taur-e-Ndaedelos (fraga de grande medo).[2] A sombra era o poder de Sauron, que, oculto tras unha identidade falsa, estabeleceuse na fortaleza do outeiro de Dol Guldur en Amon Lanc. A presenza dos servos de Sauron empurrou a Thranduil e aos seus máis cara ao norte, co cal contra a fin da Terceira Idade convertéranse nun pobo minguado e receoso, atrincheirado nas Montañas do Bosque Escuro (Emyn Fuin, antes chamadas Emyn Duir ou "Montañas Escuras"). O Camiño Vello do Bosque ou Camiño Vello dos Ananos cruzaba a fraga de leste a oeste, mais por mor da súa relativa proximidade a Dol Guldur, resultaba máis ben impracticábel. Os Elfos crearon un carreiro máis ao norte, que remataba nalgures das brañas ao sur de Lago Longo en Esgaroth.
N' O Hobbit, Bilbo Bulseiro, xunto con Thorin Escudo de Carballo e a súa compañía de Ananos (sen Gandalf) aventuráronse no Bosque Escuro durante a súa misión de recuperar Erebor das poutas do Dragón Smaug. Durante o seu paso a través da fraga, o grupo foi capturado polas Arañas Xigantes, descendentes de Elaraña que habitaban alí. Pouco despois de escaparen, os Elfos fixeron prisioneiros aos Ananos e leváronos ante Thranduil, que os encarcerou. Aínda que non fica completamente claro, foi pouco despois disto ou seica ao mesmo tempo cando o Consello Branco expulsou a Sauron de Dol Guldur. Cando este fuxiu para Mordor, a súa influencia no Bosque Escuro diminuíu durante un tempo.
Anos despois, cando Gollum, foi liberado de Mordor, Aragorn capturouno e levouno preso ao reino de Thranduil. Por mágoa, concedéuselle unha certa liberdade para vagar pola fraga (baixo unha estreita vixilancia), mais Gollum escapou durante un asalto Orco e fuxiu ao sur cara a Moria, na procura do Anel Único.
Após a derrota de Sauron á fin da Terceira Idade, o Bosque Escuro foi purificado e pasou a chamarse Eryn Lasgalen, que en Sindarin quere dicir Fraga de Follas Verdes.
O Bosque Escuro albergou un dos poucos asentaméntos élficos que restaban na Terra Media durante a Cuarta Idade. Estaba poboado por Elfos Silvanos, máis reticentes a abandonar a Terra Media cós seus parentes Noldorin. Os habitantes de Lothlórien que non acompañaron a Galadriel cara ao oeste migraron a esta fraga a comezos da Cuarta Idade.
Legolas, un dos membros da Irmandade do Anel e fillo de Thranduil, tamén procedía do reino élfico do Bosque.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.