From Wikipedia, the free encyclopedia
Elizabeth Alyse Cuthbert, nada en Merrylands (Nova Gales do Sur) o 20 de abril de 1938 e finada en Mandurah (Australia Occidental) o 6 de agosto de 2017, foi unha atleta australiana, cuádrupla campioa olímpica.[1] Foi alcumada "a rapaza de ouro" de Australia.[2] Durante a súa carreira, estableceu récords mundiais nos 60 metros, 100 yardas, 200 metros, 220 yardas e 440 yardas. Cuthbert tamén contribuíu a que os equipos de remudas australianos conseguisen vitorias nos 4×100 metros, 4×110 iardas, 4×200 metros e 4×220 iardas. Cuthbert tiña un estilo de carreira distintivo, cunha alta elevación do xeonllo e coa boca moi aberta.[3] Foi nomeada en 1998 Tesouro Nacional Australiano e foi incluída como lenda no Salón da Fama do Deporte de Australia en 1994 e no Salón da Fama de Atletismo en Australia en 2000.[4]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 20 de abril de 1938 Sydney, Australia |
Morte | 6 de agosto de 2017 (79 anos) Mandurah, Australia (pt) |
Causa da morte | Esclerose múltiple |
Altura | 169 cm |
Peso | 57 kg |
Actividade | |
Ocupación | atleta, velocista |
Deporte | atletismo |
Disciplina deportiva | carreira de velocidade |
Participou en | |
1964 | Xogos Olímpicos de 1964 |
1960 | Xogos Olímpicos de 1960 |
1956 | Xogos Olímpicos de 1956 |
Premios | |
| |
Bety Cuthbert era filla de Leslie e Marion e tivo unha irmá xemelga[5] non idéntica, Marie 'Midge'. Tamén tivo outra irmá, Jean e un irmán, John.[6][7][8][9] Betty naceu vinte minutos antes de Marie.[10] Segundo Midge, as xemelgas non eran iguais, mais si moi especiais para a outra.[5] Filla de propietarios de viveiros, naceu en Merrylands, Nova Gales do Sur, e creceu no barrio de Ermington, en Sydney, onde asistiu á Ermington Public School.[11] Da súa educación, Cuthbert afirmou: "Os meus pais sempre me animaron e tiven unha boa vida na casa. Sempre nos ensinaron a respectar as cousas e as demais persoas".[12]
Marion asistía á igrexa e enviou os seus catro fillos á escola dominical.[13] Cando era adolescente, Cuthbert asistiu á Parramatta Home Science School. Deixou a escola aos 16 anos para traballar na escola infantil familiar.[7]
Cuthbert era membro do Western Suburbs Athletic Club.[1] Aos 18 anos, cos Xogos Olímpicos a piques de celebrarse en Melbourne, estableceu un récord mundial nos 200 metros, converténdose nunha das favoritas ao ouro nese evento. Cuthbert alcanzou primeiro a final dos 100 metros, marcando un récord olímpico de 11,4 segundos na súa serie (tamén a súa mellor marca persoal), mentres que a récord mundial australiana Shirley Strickland foi eliminada.
Cuthbert gañou a final e foi entón a gran favorita para o título dos 200 metros. Estivo á altura das expectativas e converteuse na "Golden Girl" australiana. A terceira medalla de ouro para Cuthbert chegou cando corría a última manga na final de 4×100 metros, que a selección australiana gañou establecendo un novo récord mundial.
Durante 1958 Cuthbert estableceu récords mundiais de 100 e 220 yardas, mais foi batida en ambas as probas pola súa rival e dobre medallista olímpica de bronce Marlene Mathews nos campionatos australianos. Máis tarde ese ano, nos Xogos do Imperio Británico e da Commonwealth de 1958 en Cardiff, Gales, Cuthbert só puido colocarse cuarta nas 100 iardas e segunda nas 220, de novo por detrás de Mathews.
Estableceu un récord mundial das 440 yardas, que foi batida en setembro de 1959 pola soviética Maria Itkina.[14]
Antes dos Xogos Olímpicos de 1960, en Roma, Cuthbert estableceu un récord mundial das 220 iardas e dos 200 metros con 23,2 segundos na vitoria nos campionatos australianos. Nos Xogos de Roma, sufriu unha lesión e foi eliminada dos cuartos de final dos 100 metros. Posteriormente, retirouse do atletismo.
Non obstante, a súa retirada non durou moito, xa que regresou aos Xogos do Imperio Británico e da Commonwealth de 1962 en Perth, axudando a Australia a conseguir unha medalla de ouro na proba de remudas.
Despois, concentrouse nos 400 metros, e competiu nesa proba nos Xogos Olímpicos de 1964 en Toquio, cando entrou no programa olímpico por primeira vez para as mulleres. A pesar de non facer series impresionantes, Cuthbert gañou a súa cuarta medalla de ouro olímpica, superando a Ann Packer de Gran Bretaña cun récord olímpico de 52,01.[15] É a única deportista olímpica que gañou unha medalla de ouro en todas as probas de sprint (100, 200 e 400 metros). Posteriormente, verificou definitivamente a súa retirada despois de Tokio. Tamén en 1964 recibiu o premio Helms polas súas contribucións deportivas.[16]
Foi adestrada por June Ferguson, que foi a súa profesora de educación física no instituto.[17][7]
Cuthbert sufiru de esclerose múltiple dende 1969 e en 2002 tivo unha grave hemorraxia cerebral.[18] Ela afirmou que, a pesar da súa EM, nunca lle preguntou a Deus "Por que eu?", senón que pola contra "soubo que Deus quería usala para axudar outras persoas".[19] En 1985, Cuthbert volveu ao cristianismo aos 47 anos.[20] Sempre crendo que era cristiá, o orador nun mitin público dixo que había cristiáns practicantes presentes. Sentiuse entón obrigada a declarar publicamente a súa fe. A partir dese momento, Cuthbert intentou compartir o evanxeo coa maior cantidade de xente posible.[21] Non obstante, quixo ser curada inicialmente da súa EM e alguén animouna a ir á igrexa onde podería ser curada. Afirmou que foi, buscando ser sandada, no canto do Sandador. Segundo as súas propias palabras: "Descubrín o Sandador e logo non me importaría menos a sandación. Iso é o mellor. Quédame tanta ledicia e quero contalo a outras persoas. Penso que por iso tiña a intención de volver aos Xogos Olímpicos en 1964 porque agora son famosa e axúdame a falar á xente sobre Xesús".[22]
Despois do seu diagnóstico de esclerose múltiple, Cuthbert converteuse nunha defensora dedicada sobre a doenza e foi un factor importante na creación de MS Research Australia, asistindo á inauguración da organización en 2004 xunto ao entón primeiro ministro John Howard. Foi unha incansable defensora da conciencia nacional sobre a doenza e trala súa morte en 2017 o director executivo de MS Research Australia, o doutor Matthew Miles, recoñeceu que tivo un incrible impacto no recoñecemento e comprensión australiana da EM.[23]
En 1991, Cuthbert deixou o seu estado natal, Nova Gales do Sur, e marchou a Australia Occidental, establecéndose en Mandurah.[24] Cuthbert foi unha das portadoras do facho olímpico na cerimonia de apertura dos Xogos Olímpicos de 2000 en Sydney. Sentada nunha cadeira de rodas e acompañada de Raelene Boyle, levou o facho olímpico no estadio, como un dos corredores do segmento final, antes do acendemento da chama olímpica por Cathy Freeman.[25]
Cuthbert morreu en 2017, aos 79 anos,[26][27] en Mandurah.[28] Nunca casou nin tivo fillos.[29] Rhonda Gillam, nai de tres fillos de 78 anos, dedicou os últimos 26 anos da súa vida a coidar a Cuthbert.[8] Gillam afirmou que a EM de Cuthbert tamén lle quitou a audición.[30] A irmá xemelga de Cuthbert, Midge Johnston, afirmou que Betty estivo loitando contra a demencia nos últimos anos, e preocupábaa que Betty non a lembrase. Porén, Betty sempre dicía "Midge, por suposto que te lembro".[31]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.