![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/6/68/Bebeto_brazil_%2528cropped%2529.jpg/640px-Bebeto_brazil_%2528cropped%2529.jpg&w=640&q=50)
Bebeto
futbolista brasileiro / From Wikipedia, the free encyclopedia
José Roberto Gama de Oliveira, coñecido como Bebeto, nado en Salvador o 16 de febreiro de 1964, é un exfutbolista e político brasileiro. Considerado un dos mellores dianteiros da historia do seu país,[1] foi un prolífico goleador, autor de preto de 400 goles en partidos oficiais. Xogou en tres dos catro grandes equipos do Río de Xaneiro (Flamengo, Vasco da Gama e Botafogo) e destacou tamén no Deportivo da Coruña, sendo o sexto máximo goleador histórico do club galego e un dos seus maiores ídolos.
Iniciou a súa carreira profesional no Vitória da súa cidade natal, antes de fichar en 1983 polo Flamengo, no que militou durante os seguintes seis anos. Marcou máis dun cento de goles oficiais co Mengão, co que gañou o Campionato Brasileiro e o Campionato Carioca, sendo dúas veces máximo goleador da liga estatal. A continuación fichou polo máximo rival histórico do club rubro-negro, o Vasco da Gama, gañando un segundo Campionato Brasileiro en 1989 e proclamándose máximo goleador nacional en 1992, xusto antes de fichar polo Deportivo da Coruña. A súa chegada á Coruña, xunto á do seu compatriota Mauro Silva, supuxo un punto de inflexión na historia do club e marcou o inicio do chamado Super Dépor. Xogou un total de 154 partidos oficias nas súas catro tempadas no Deportivo, co que marcou 102 goles. Gañou unha Copa do Rei e unha Supercopa de España e conseguiu dous subcampionatos de liga.
Internacional coa selección brasileira entre 1985 e 1998, formou unha célebre dupla atacante con Romário. Gañou a Copa América de 1989, sendo o máximo goleador do torneo, e proclamouse campión do mundo en 1994, tras derrotar na final a Italia. No Mundial de 1998 acadou de novo a final, tendo como compañeiro a Ronaldo, pero o equipo brasileiro perdeu ante Francia. É o sexto máximo goleador da historia da selección, cun total de 39 goles en 75 partidos.
Trala súa retirada do fútbol entrou en política e ocupou durante 12 anos o cargo de deputado da Asemblea Lexislativa do Río de Xaneiro. É pai do tamén futbolista Mattheus Oliveira.