Beatragus hunteri coñecido na bibliografía como hirola, antílope de Hunter ou damalisco de Hunter,[1] é unha especie de mamífero artiodáctilo ruminante da subfamilia dos alcelafinos.[2] que vive en chairas herbosas áridas nunha pequena zona do nordeste de Kenya e o suroeste de Somalia.[3]

Máis información Beatragus hunteriHirola / Antílope de Hunter, Estado de conservación ...
Beatragus hunteri
Hirola / Antílope de Hunter

Hirola
Estado de conservación
Crítico
Crítico
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Suborde: Ruminantia
Familia: Bovidae
Subfamilia: Alcelaphinae
Tribo: Alcelaphini
Xénero: Beatragus
(Heller, 1912)
Vrba, 1997
Especie: B. hunteri
Nome binomial
Beatragus hunteri
(Sclater, 1889)
Distribución do hirola
Distribución do hirola

Distribución do hirola
Sinonimia
  • Damaliscus hunteri
  • Damaliscus lunatus hunteri
Pechar
Representación do hirola nunha lámina de The book of antelopes (1894).

É a única especie do xénero Beatragus, e non se recoñecen subespecies,[2] e un dos antílopes africanos en maior perigo de extinción.[3]

Taxonomía

A especie foi descuberta en 1888 polo zoólogo H. C. V. Hunter,[4] e descrita por primeira vez o ano seguinte por Philip Lutley Sclater na súa obra Proc. Zool. Soc. Lond., 1889: 58,[2].Foi clasificada inicialmente dentro do xénero Damaliscus, ben como subespecie de Damaliscus lunatus (Burchell, 1823) Damaliscuas lunatus hunteri,[5] ben como especie independente, Damaliscus hunteri (Sclater, 1889),[6] até que recentemente, en 1997, foi reclasificada por Elisabeth S. Vrba como única especie hoxe viva do restaurado xénero Beatragus,[2][7] que fora creado por Heller en 1912.[8]

Descrición

É un antílope de tamaño grande e que presenta os trazos xerais dos alcélafos, pero de constitución máis lixeira e máis grácil.[6] Mide entre 1,70 e 2,05 m, máis os de 30 a 35 cm da cola, e a súa altura na cruz é de 95 a 110 cm. O seu peso oscila entre 60 e 85 kg.[9]

A coloración xeral do corpo é parda clara arrubiada, algo máis escura nas patas.[6] Presenta un característico anteollo facial de cor branca.[10]

A cola é longa (chega até as abeacas) e peluda, branca na maior parte da rexión distal, agás no extremo, mouro, circundado por unha zona abrancazada.[6]

Os cornos non crecen desde un pedículo elevado e son longos (de 61 a 72,4 cm) e máis ben finos, están curvados cara a fóra e cara a arriba, facéndose paralelos na maior parte da súa lonxitude, e moi agudos na punta (amosan unha certa semellanza cos dos cobos e os do impala.[6]

As femias son similares aos machos, pero de menor tamaño e cos cornos máis curtos.[6]

Hábitat e distribución

É endémico da África oriental, encontrándose unicamente nas chairas herbosas áridas abertas do nordeste de Kenya e o suroeste de Somalia.[3][6]

Bioloxía

Costumes

Os hirolas son animais herbívoros activos principalmente pola mañá e pola noite, descansando á sombra ao mediodía. Se non son perturbados son curiosos, do contrario, tímidos. Pero cando se senten acurralados, deféndense.

Teñen moi boa vista e oído, e bo olfacto. Viven reunidos en pequenos haréns de media a dúas ducias de femias coas súas crías e un macho vello, e tamén forman grupos de individuos xuvenís; algúns machos adultos son solitarios. Na tempada seca forman grandes rabaños de varios centos de individuos. A miúdo asócianse con outros antílopes, especialmente con ñus, pero tamén con cebras e avestruces.[5]

Alimentación

A súa dieta está constituída case enteiramente por pastos, e raramente comen follas. Normalmente beben pola mañá e pola tarde, cando hai dispoñibiliade de auga, aínda que poden resistir até un mes sen beber.[5]

Inimigos

Os principais depredadores dos antílopes de Hunter son o león, o leopardo, o guepardo, a hiena pinta, o licaón e tamén, para as crías, os chacais, o serval, o caracal, a serpente pitón e as grandes aguias.[5]

Poboación e status

Thumb
Beatragus hunteri.

A distribución histórica do hirola estímase que cubría aproximadamente 17 900 km² en Kenya e cerca de 20 500 km² en Somalia. En Kenya actualmente ocupan unha superficie de aproximadamente 8.000 km². Non se coñece o estado actual no suroeste de Somalia, pero a súa antiga área de dispersión foi gravemente afectada polos prolongados conflitos civís e militares que continuaron até principios de 2007.[3]

Unha pequena poboación (30 animais) foi trasladada en 1963 ao Parque Nacional Tsavo (Kenya), fóra da área de dispersión natural da especie. Crese que a maioría destes morreron pouco despois da súa liberación e que o tamaño efectivo da poboación "fundadora" era soamente de 11 a 19 animais en 1999. Outros 10 individuos foron introducidos no P. N. Tsavo en 1996.[3]

En 1979 calcúlase que había cerca de 16 000 individuos en Kenya, en 17 900 km². Estímase que a poboación diminuíu de 12 500 animais a principios da década a uns 7.000 en 1977-83, que foi seguida por un descenso drástico (do 85 ao 90 %) entre 1983 e 1985 causado pola grave seca de 1984. Algunhas enquisas suxiren unha poboación de entre 500 e 2.000 exemplares en Kenya en 1995/1996. En Somalia había uns 2.000 hirolas en 1979, pero hoxe en día quedan poucos, se é que queda algún. En xeral, as poboacións diminuíron dun 85 ao 90 % desde 1980 e aínda están descendendo.

Da poboación trasladada ao Parque nacional Tsavo, sobre 105 animais, quedaban de 56 a 76 individuos en 1995/1996.[3]

Conservación

O hirola é unha das especies de antílopes africanos en maior perigo de extinción. Algunhas recomendacións para a súa conservación a longo prazo en Kenya incluían un plan de acción de conservación e un informe de avaliación da conservación. Estas recomendacións forman parte do plan de conservación e xestión actual en Kenya (Hirola Management Committee 2004) e están sendo implementadas polo Kenya Wildlife Service conxuntamente co Hirola Management Committee e ONG locais de conservación. Hai unha necesidade urxente de mellorar o nivel de xestión e protección da poboación natural do hirola, particularmente na Reserva Nacional de Arawale e na rexión de Galma Galla/Kolbio. Actividades de conservación e loita contra a caza furtiva deben establecerse sobre gran parte da área restante, pero a inseguridade para os traballadores da conservación é un problema moi grave nesta rexión. Por todo isto, a UICN mantén a cualificación do status da especie como CR (en perigo crítico de extinción).[3]

Notas

Véxase tamén

Wikiwand in your browser!

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.

Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.