Batalla de Elviña
From Wikipedia, the free encyclopedia
A batalla de Elviña, tamén coñecida como batalla da Coruña, foi un acontecemento bélico que tivo lugar o día 16 de xaneiro de 1809 no alfoz da cidade da Coruña, enfrontándose un corpo de exército francés, baixo o mando do mariscal Jean-de-Dieu Soult contra tropas británicas, mandadas polo tenente xeneral John Moore. A batalla tivo lugar como parte da guerra da Independencia española en Galicia, dentro das guerras napoleónicas. Foi o resultado dunha campaña francesa liderada por Napoleón, na que derrotou as forzas españolas e provocou a retirada do exército inglés para a costa tras un intento sen éxito por parte de Moore de atacar ó exército de Soult e reter ás súas tropas.
Batalla de Elviña | |||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|
Parte de guerra da Independencia española en Galicia | |||||||
Batalla de Coruña por Henri-Louis Dupray (1809). | |||||||
| |||||||
Belixerantes | |||||||
Reino Unido | Francia | ||||||
Líderes | |||||||
John Moore † David Baird |
Jean-de-Dieu Soult | ||||||
Forzas en combate | |||||||
16 000: 15 000 infantaría[lower-alpha 3] 9 a 12 canóns[lower-alpha 4] |
16 000:[lower-alpha 5] 12 000 infantaría 3 200 cabalaría 20 canóns | ||||||
Baixas | |||||||
900 mortos ou feridos[18] 300 enfermos abandonados[19] |
600 a 700 mortos ou feridos[lower-alpha 6] 200 a 300 prisioneiros |
Perseguidos polos franceses baixo o mando de Soult, os británicos retiráronse a través do norte de España mentres que a súa retagarda repeleu varios ataques franceses. Ámbolos dous exércitos sufriron en gran medida por mor das duras condicións invernais. Gran parte do exército británico sufriu unha perda de orde e disciplina durante esta retirada, e cando os británicos chegaron ó porto da Coruña cuns poucos días de vantaxe sobre os franceses os seus barcos de transporte aínda non chegaran. A frota arribou un par de días despois, e mentres os británicos estaban embarcando o exército francés marchou para a cidade e obrigou os británicos a loitar nunha batalla antes de partir para Inglaterra.
Na acción resultante os británicos rexeitaron o asalto francés e completaron o embarque, salvando o seu exército da destrución, pero deixando as cidades da Coruña, Ferrol e o norte de España libres para a súa captura e ocupación por Francia. Durante a batalla, o comandante británico John Moore recibiu unha ferida mortal, falecendo despois de saber que o seu exército conseguira retirarse con éxito tras rexeitar tódolos ataques franceses.