Bandada mixta de alimentación
From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha bandada mixta de alimentación ou bandada de especies mixtas de alimentación, tamén chamada partida mixta de caza, é unha bandada de aves xeralmente insectívoras de diferentes especies que se xuntan para moverse xuntas polo seu hábitat mentres procuran alimento.[1] Son diferentes das agrupacións para a alimentación, que son congregacións de varias especies de aves en áreas de alta dispoñibilidade de alimento.
Unha bandada de especies mixtas de alimentación ten normalmente unha especie "nuclear" que parece ser central para a súa formación e movemento. As especies que as seguen denomínanse "asistentes". Os asistentes tenden a unirse á bandada de alimentación só cando a bandada entra no seu territorio.[2]
Investígase como se inician este tipo de bandadas. En Sri Lanka, por exemplo, o mimetismo vocal do paxaro drongo Dicrurus paradiseus podería ter un papel clave na iniciación das bandadas de especies mixtas de alimentación,[3] mentres que en certas partes dos trópicos americanos as ruidosas bandadas de alimentación de Basileuterus culicivorus poderían desempeñar o mesmo papel.[4] A estrutura forestal pénsase que tamén é un factor importante decisivo para determinar a propensión a formar bandadas.[5] Nos bosques tropicais, as aves que rebuscaban o seu alimento na follaxe eran as especies máis abondosas en bandadas de especies mixtas.[6]
Unha bandada mixta de alimentación do Neotrópico típica móvese polo bosque a uns 0,3 km/h, con diferentes especies alimentándose nos seus nichos preferidos (no chan, sobre troncos, na alta ou baixa follaxe etc.). Algunhas especies seguen a bandada todo o día, mentres que outras, como o Ramphocaenus melanurus[7], reúnense só a condición de que cruce os seus propios territorios.[8]