Avaliación de impacto ambiental
From Wikipedia, the free encyclopedia
A avaliación de impacto ambiental (AIA) é un proceso técnico e administrativo que se aplica ós proxectos con impactos ambientais significativos. Permite identificar e avaliar, antes da aprobación dun proxecto, o impacto ambiental que pode derivar a partir da implantación de infraestruturas ou instalacións previstas e/ou do seu funcionamento posterior. En consecuencia, o obxectivo da AIA é garantir que as decisións dos órganos competentes para a aprobación destes tipos de proxectos tomen en consideración as súas repercusións medioambientais potenciais. A consulta co público é un elemento chave dos procedementos de avaliación ambiental e, en particular, da AIA.[1][2]
Esta técnica presenta, polo tanto, a variable ambiental na toma de decisións en proxectos cun grande impacto sobre o medio ambiente e demostrou ser o xeito máis eficaz para evitar agresións á natureza. Ofrece máis fiabilidade e confianza tendo en conta as decisións que se teñen que adoptar, xa que permite elixir, entre as diferentes alternativas posibles, a que mellor respecte o interese xeral dende a perspectiva global e integrada, e tendo en conta todos os efectos derivados da actividade prevista.[3]