Ateigamento macromolecular
From Wikipedia, the free encyclopedia
O fenómeno do ateigamento macromolecular, aglomeración macromolecular ou crowding macromolecular (en inglés macromolecular crowding) consiste na existencia e nos seus efectos dunha gran concentración de moléculas na célula, como as proteínas, que altera as propiedades das moléculas que están en solución.[2] Tales condicións ocorren rutineiramente nas células vivas; por exemplo, o citosol de Escherichia coli contén uns 300-400 mg/mL de macromoléculas.[3] O ateigamento ou aglomeración ocorre porque estas altas concentracións de macromoléculas reducen o volume do solvente dispoñible para outras moléculas da solución, o cal ten como resultado o incremento das súas concentracións efectivas.
Este efecto pode facer que as moléculas das células se comporten de xeito radicalmente diferente ao que se observa nos tubos de ensaio.[4] En consecuencia, a medida das propiedades dos encimas ou procesos do metabolismo que se fan no laboratorio (in vitro) en solucións diluídas pode ser diferente en moitas ordes de magnitude dos verdadeiros valores que se dan nas células vivas (in vivo). O estudo dos procesos bioquímicos en condicións de ateigamento de moléculas realistas é moi importante, xa que estas condicións son unha propiedade omnipresente de todas as células e o ateigamento de moléculas pode ser esencial para o funcionamento eficiente do metabolismo. Os estudos in vitro mostraron que o ateigamento inflúe grandemente na estabilidade da unión das proteínas ao ADN.[5]