Arquea metanóxena
From Wikipedia, the free encyclopedia
As arqueas metanóxenas ou metanóxenos[1] son microorganismos procarióticos que producen metano como resultado do seu metabolismo en condicións anaeróbicas. Todos se clasifican dentro das arqueas, un grupo de procariotas diferente das bacterias. Son comúns en zonas pantanosas, onde son responsables da produción do gas dos pantanos, e no tracto dixestivo de animais como os ruminantes e humanos, onde son responsables do contido de metano das flatulencias humanas e arrotos dos ruminantes.[2] Nos sedimentos mariños a metanoxénese está xeralmente confinada a aqueles lugares onde non hai sulfatos, nas capas sedimentarias menos superficiais.[3] Ademais, as arqueas metanoxénicas exercen unha función indispensable nos tratamentos anaeróbicos das augas residuais.[4] Outras arqueas son extremófilos, que se encontran en chemineas hidrotermais submarinas e fontes termais ou na rocha da codia terrestre, a varios km de profundidade. Os organismos metanóxenos non deben confundirse cos metanótrofos, que non producen, senón consomen o metano como fonte de enerxía.