Animal de compaña
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un animal de compaña,[1] animal de compañía, animal doméstico ou mascota é un animal que serve principalmente para a compaña ou protección dunha persoa, en contraste cos de traballo, de deporte, do gando e de animais de laboratorio, que serven para a súa exhibición, polo seu valor agroalimentario ou para a investigación. As mascotas máis populares son escollidas polas súas aparencias atractivas, a súa lealdade ou personalidade.
As mascotas achegan ós seus donos (ou gardiáns[2]) beneficios físicos e emocionais. Pasear co can pode suplir o exercicio humano e animal, e fai medrar a interacción social. As mascotas poden dar compaña a adultos anciáns que non teñen interaccións socias axeitadas con outra xente, así como outra xente que vive soa. Existe unha clase, medicamente aprobada, de terapia asistida con animais, principalmente cans e gatos, que son empregados como apoio en tratamentos e terapias para pacientes de tódalas idades, con doenzas que os debilitan e afectan no eido social, emocional e cognitivo.
Os animais de compaña máis populares son os cans e os gatos,[3] pero tamén poden ser mascotas os coellos domésticos e os furóns; roedores como xerbos, hámsteres, chinchillas, ratas e cobaias; aves como canarios, córvidos e papagaios; réptiles como tartarugas, lagartos e cobras; peixes de acuario como carpas, peixes tropicais e ras, e artrópodos como tarántulas e cangrexos ermitáns.
Algúns estudosos e organizacións dos dereitos dos animais ergueron a voz para facer conciencia de ter mascotas tendo en conta a súa autonomía e non obxectificación.