Anhídrido de ácido
From Wikipedia, the free encyclopedia
Xeralmente, un anhídrido de ácido é un composto orgánico formado por dous grupos acilo enlazados ao mesmo átomo de oxíxeno.[1] Normalmente, os grupos acilo son dun mesmo tipo de ácido carboxílico, polo que se di que son anhídridos simétricos con fórmula (RC(O))2O. Estes anhídridos simétricos noméanse substituíndo a palabra ácido do nome do seu ácido carboxílico parental pola palabra anhídrido.[2] Así, (CH3CO)2O denomínase anhídrido acético. Tamén existen anhídridos ácidos mixtos ou asimétricos, como o anhídrido acético fórmico (neste caso os nomes dos dous ácidos colócanse por orde alfabética).
Un ou ambos os grupos acilo dun anhídrido de ácido poden tamén derivar doutro tipo de ácidos orgánicos, como o ácido sulfónico ou o ácido fosfónico. Ademais, un dos grupos acilo do anhidro de ácido pode derivar dun ácido inorgánico como o ácido fosfórico. O anhídrido de ácido mixto 1,3-bisfosfoglicerato é un intermediato na formación do ATP na glicólise;[3] é o anhídrido mixto entre o ácido 3-fosfoglicérico e o ácido fosfórico. Os óxidos ácidos son o equivalente inorgánico dos anhídridos de ácidos e ás veces son clasificados como anhídridos de ácidos.