From Wikipedia, the free encyclopedia
Anaxyrus baxteri (antes chamado Bufo baxteri)[2][3] é unha especie de sapo norteamericano hoxe extremadamente raro, que só existe en catividade e mais no Refuxio de Vida Silvestre Nacional do Lago Mortenson de Wyoming nos Estados Unidos. En 1984 estaba na lista de especies en perigo, e desde 1991 na lista de especies extintas na natureza. Antes de que se producise o seu rápido declive, este sapo estaba clasificado como unha subespecie de Anaxyrus hemiophrys.
Anaxyrus baxteri | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||
Extinto en estado salvaxe[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Distribución xeográfica en Wyoming | |||||||||||||||
Sinonimia[2] | |||||||||||||||
|
Era común ata a década de 1950, pero as súas poboacións estaban moi reducidas a finais da década de 1970, especialmente entre os anos 1975 e 1978. Dous anos despois, en 1980, os expertos estimaron que só había aproximadamente 25 individuos na natureza.[4] Antes deste forte declive, a especie atopábase comunmente en chairas inundables, lagoas, lagos pouco fondos e lagoas de filtración dentro da cunca de Laramie localizada no condado de Albany, Wyoming. A especie era abondosa nesta rexión desde 1952. Porén, desde 1975, Baxter & Stromberg atoparon que a poboación decrecera significativamente. A súa extrema rareza, foi documentada entre 1976 e 1978, período no que non se atoparon poboacións silvestres.[4]
É de cor marrón escura, gris ou verde con pequenas marcas escuras na parte ventral. Ten pequenas verrugas que parecen manchas arredondadas na superficie dorsal e liñas claras difusas. Os machos teñen a gorxa negra. Cada individuo pode ser identificado pola variación na cor da pel e os padróns das verrugas. Poden medrar ata os 5,6 cm de lonxitude e as femias crecen algo máis que os machos. Tamén ten unha pel sensible con pouca adaptabilidade. Debido a esta pel tan sensible, inféctase doadamente con fungos quitridios, que son unha importante ameaza para eles. Non pode soportar os rápidos cambios climáticos, nin adaptarse a un nivel diferente de irrigación ou desviación da irrigación. É activo maiormente pola noite e ten mala vista. Para cazar depende de detectar os movementos da presa.[5]
É unha especie que frecuenta as chairas inundables e as curtas zonas herbosas da ribeira de lagoas, regatos e lagos. Con frecuencia usa tobos abandonados de roedores xeómidos e esquíos terrestres como hibernáculo.
As características típicas do seu hábitat varían coa idade deste sapo. Os estudos feitos no lago Mortensen no condado de Albany, Wyoming mostraron que os adultos adoitan sentirse máis atraídos por hábitats con maior vexetación, mentres que os máis novos prefiren áreas con menos. Os adultos tenden a vagar moito máis no interior, lonxe das ribeiras, mentres que os novos establécense máis preto das ribeiras. Ao longo destes hábitats variados con distintas condicións de substrato, os adultos localízanse en áreas con temperaturas lixeiramente máis frías. As condicións típicas do adulto son temperaturas de 20,31 graos Celsius fronte aos 23,05 °C dos máis novos. Os adultos cambian pouco de localización, manténdose preferentemente nas zonas con vizosa vexetación. As condicións óptimas para localizalos son temperaturas na superficie de máis de 20 °C e unha distancia ao corpo de auga de 1,6 a 3,2 km.[6]
Estes sapos saen da súa hibernación a principios de maio para dirixirse á ribeira norte da lagoa para reproducirse. Volve á ribeira sur a finais de setembro ou inicios de outubro para hibernar. Os sapos máis novos dese ano están activos ata un mes máis que os máis vellos, o que lles dá máis tempo para almacenar enerxía para a hibernación e reducen a competición intraespecífica.[6] As chamadas de apareamento teñen unha frecuencia baixa e un pulso lento, pero a duración é máis longa que a doutros tipos de sapos.[7] Maduran antes que outros bufónidos que viven a maior altura nesa área de Wyoming, xa que os machos maduran en só dous anos e as femias en tres.[8] As enfermidades foron un importante factor no declive desta especie. "As infeccións bacterianas ("patas vermellas"), fúnxicas (fungos quitridios), a síndrome de edema e a síndrome da lingua curta" son os problemas que se observaron no pasado. A dermatite micótica considerábae a causa da morte dos sapos, e o patóxeno foi despois identificado como un fungo quitridio. Crese que este quitridio foi fundamental no declive do sapo Anaxyrus boreas nas Montañas Rochosas e tamén do A. baxteri.[8] A. baxteri come principalmente grilos e larvas de escaravellos, que encontra preto dos lagos onde vive.[7]
Na data de redacción deste artigo críase que aínda vivían libres na natureza 100 exemplares deste sapo e como resultado formouse un grupo de recuperación “pola Saratoga National Fish Hatchery do Servizo de Vida Silvestre e Pesca de EUA en 1998” [9]. O obxectivo deste grupo de recuperación era realizar a reprodución en catividade e reintroducir despois os cágados na natureza. “Actualmente, o programa de reprodución en catividade está limitado polo baixo rendemento reprodutivo debido a baixas taxas de ovulación, pouca cantidade de ovos e baixa taxa de fecundación… por tanto, o programa se beneficiaría das tecnoloxías da reprodución”[9]. As femias recibiron unha dose de “hormona liberadora da hormona luteinizante (LHRHa), que induce a desova en peixes,” mentres que os machos foron tratados con “gonadotropina coriónica humana (hCG),” [9]. “Actualmente, dispóñenese de tecnoloxías para incorporar a FIV nos programas de reprodución en catividade para este sapo de Wyoming en perigo e poden axudar na súa xestión xenética a longo prazo. Este estudo mostrou que o 'cebado' hormonal deste sapo de Wyoming tivo como resultado unha maior fecundidade. A maior fecundidade dos experimentos con dous individuos cebados, comparada con ningún ou só un cebado, tiña lugar por medio de dúas respostas: 1) un incremento no número de ovos por sapo e 2) unha maior supervivencia dos ovos fertilizados ata o estadio natatorio”.[9]
Era unha especie común ata o seu rápido declive na década de 1970, e foi oficialmente incluído na lista de especies en perigo en xaneiro de 1984. O único hábitat coñecido con poboacións desta especie está localizado na cunca de Laramie, que está situada a 48 km de Laramie, Wyoming. Esta sapo atópase principalmente nas ribeiras do lago Mortenson, situado ao sueste de Laramie. Este é un lago de chairas altas a 2212 m sobre o nivel do mar, onde as poboacións de A. baxteri se mantiveron sas e reprodutivas. Porén, investigacións recentes mostran que o sapo está empezando a procrear menos, posiblemente debido á bacteria causante da enfermidade das patas vermellas, que foi descuberta en 1990.[10]
O Grupo de Recuperación do Sapo de Wyoming, formado en 1987, foi creado para axudar a iniciar un plan de recuperación e ampliar as investigacións. O Grupo céntrase principalmente na monitorización e protección da poboación de Laramie e na investigación de posibles hábitats adicionais axeitados ou o descubrimento doutras poboacións. Tamén trata de manter un hábitat saudable para os sapos existentes e estabilizar unha poboación en catividade. Esta poboción en catividade permitirá aos investigadores comprender a historia da especie e as súas necesidades de hábitat. O Departamento de Caza e Pesca de Wyoming tamén tomou medidas xunto con propietarios de terras locais para protexer a poboación existente do sapo. Outros plans, como o coordinado co distrito de control do mosquito, axudou a salvagardar o hábitat existente dos efectos colaterais potenciais de produtos químicos e pesticidas como o mosquito e outras pragas. A Unidade de Investigación da Vida Silvestre de Sybille desenvolveu un programa de cría en catividade a través do Departamento de Caza e Pesca de Wyoming, no que mantiñan en catividade 16 sapos en xuño de 1991. Os representantes do Servizo de Vida Silvestre e Pesca dos Estados Unidos e do Departamento de Caza Pesca de Wyoming forman o Equipo de Xestión da Recuperación do Sapo de Wyoming, creado para coordinar a aplicación das tarefas de recuperación. O Servizo planea establecer cinco novas poboacións deste sapo, de 100 individuos cada unha.[10]
Iniciouse a reprodución en catividade dos sapos de Wyoming en 1989, o Centro de Investigación de Vida Silvestre de Sybille aplicou un programa máis intenso de cría en catividade en 1993, utilizando 12 individuos capturados na natureza (que agora se cre que eran as últimas poboacións que quedaban). O programa parecía moi prometedor, e produciu catro masas de ovos que se encontraron en 1998 no sitio de liberación dos animais do lago Mortenson, e outras dúas masas máis encontradas despois en 1999. Os sapos en catividade que despois foron liberados continuaron reproducíndose no lago Mortenson. Na primavera de 1998, as chamadas reprodutoras dos sapos puideron oirse por primeira vez na natureza desde 1993.[11]
En 1997, a Saratoga National Fish Hatchery foi o primeiro centro de crianza federal que participou na reprodución de anfibios en perigo. Desde 1993 a 2003, as dúas instalacións para a reprodución deste sapo produciron cágados e sapiños, todos os cales foron liberados no lago Mortensen, ou no lago George (localizado no Refuxio de Vida Silvestre Nacional do lago Hutton, que está preto) e nun sitio de liberación privado.[11] O método típico para a crianza en catividade utilizado é o confinamento de seis machos e catro femias nun acuario de 170 L. Dentro do acuario hai unha esponxa con tapete de cortiza para que se deiten os animais, unha bandexa de auga e diversos alimentos como larvas de escaravellos, eirugas de pirálidos e grilos. A indución hormonal da esperminación utilizouse con bo resultado para incrementar a produción global de ovos por individuo e incrementar a taxa de supervivencia dos ovos fertilizados ata o estadio nadador.[12]
Recentes exames realizados no lago Crescent, Wyoming en 2011 indican que hai certo grao de reprodución na natureza.[13]
A futura conservación deste sapo na natureza depende grandemente de erradicar o fungo quitridio Batrachochytrium dendrobatidis, que é probablemente a maior ameaza para a supervivencia da especie.[1] As investigacións feitas no sitio do lago Porter en 2010 atoparon que a infección por quitridios nesta especie era de arredor do 41% da poboación. Un ano despois a infección chegaba ao 100%. Esta taxa de infección dáse incluso en poboacións de crianza en catividade. Sobrevivir á infección por quitridios é posible se os sapos conseguen secarse o suficiente ao estar descansando fóra da auga frecuentemente, liberándose eles mesmos así da infección.[13] Os sapos en catividade foron postos en corentena e monitorizados buscando signos de quitridiomicose. Debido á súbita aparición da doenza, non hai un protocolo estándar para o tratamento, mais os métodos que se utilizan inclúen mergullar os sapos infectados en baños de itraconazole. Algúns sapos sobreviven máis tempo pero acaban tamén por morrer.[14]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.