An Essay on the Principle of Population
From Wikipedia, the free encyclopedia
An Essay on the Principle of Population (Ensaio sobre o principio da poboación) foi un libro sobre demografía e economía publicado en Inglaterra primeiramente de forma anónima en 1798,[1] pero do que axiña se soubo que o autor era Thomas Robert Malthus. O libro advertía sobre futuras dificultades que tería que afrontar a humanidade, baseándose nunha interpretación de que o incremento observado daquela da poboación en progresión xeométrica (que se duplicaba cada 25 anos)[2] combinado cun incremento da produción de alimentos en progresión aritmética, causaría unha escaseza de alimentos e fame, a non ser que a taxa de natalidade descendese.[2]
An Essay on the Principle of Population | |
---|---|
Páxina do título da edición orixinal de 1798. | |
Autor/a | Thomas Robert Malthus |
Orixe | Inglaterra |
Lingua | Inglés |
Xénero(s) | Ensaio |
Editorial | J. Johnson, London |
Data de pub. | 1798 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Aínda que non foi o primeiro libro publicado sobre a poboación, o libro de Malthus alimentou o debate sobre o tamaño da poboación de Gran Bretaña e contribuíu á aprobación da Lei do Censo de 1800 (Census Act 1800). Esta lei permitía elaborar un censo nacional en Inglaterra, Gales e Escocia, que empezaría en 1801 e continuaría actualizándose cada dez anos ata hoxe. A sesta edición do libro, de 1826, foi citada independentemente como unha das influencias clave que tiveron Charles Darwin e Alfred Russel Wallace no desenvolvemento da súa teoría da evolución por selección natural.
Unha parte fundamental do libro está dedicada ao que se coñece como Lei da poboación malthusiana. A teoría exposta no libro afirma que o crecemento da poboación contribúe a un incremento da cantidade da man de obra e inevitablemente a salarios máis baixos. En esencia, Malthus temía que un crecemento continuado da poboación levase á pobreza.
En 1803, Malthus publicou, co mesmo título, unha segunda edición moi revisada da súa obra.[3] A súa versión final, a 6ª, publicouse en 1826. En 1830, 32 anos despois da primeira edición, Malthus publicou unha versión condensada titulada A Summary View on the Principle of Population (~ Idea sumaria do principio da poboación), que incluía respostas ás críticas á súa anterior obra máis extensa.