From Wikipedia, the free encyclopedia
Agnieszka Holland, nada en Varsovia o 28 de novembro de 1948, é unha directora de cinema e televisión polaca.
Moi recoñecida polas súas contribucións á nova vaga do cinema polaco, Agnieszka Holland está considerada como unha das máis prominentes cineastas polacas.
Nada dunha parella de xornalistas, o seu pai Henryk Holland era xudeu e un prominente activista comunista que chegou a capitán do exército polaco.[1] Pola contra, a súa nai era católica, mais Holland non foi criada en ningunha relixión.[2][3] O pai de Holland perdera os seus proxenitores no ghetto durante o holocausto e pasou gran parte da súa vida adulta negando a súa orixe xudía. A nai de Holland participou no levantamento de Varsovia en 1944 como membro da resistencia e axudou a rescatar varios xudeus, motivo polo que recibiu unha medalla do Instituto Yad Vashem de Israel.[3]
Ambos os proxenitores traballaron despois da guerra nun xornal local da cidade de Varsovia e debido a isto Holland sempre estivo en contacto con diversos temas políticos e sociais que afectaban a Polonia da época. Holland estivo moito tempo enferma cando era nena e pasou gran parte desa época escribindo, debuxando e dirixindo pequenas obras con outros nenos.[4] Cando tiña once anos, os seus pais divorciáronse e a súa nai volveu casar cun xornalista xudeu, Stanislaw Brodski.
Holland graduouse na Academia de Cine e Televisión de Praga (FAMU)[5] en 1971 e comezou a súa carreira como axudante de directores polacos como Krzysztof Zanussi (Illuminacja, 1973) e Andrzej Wajda, (Danton, 1982). O seu primeiro filme importante como directora foi Aktorzy Prowincjonalni (1978), unha crónica das tensas relacións entre os bastidores dunha pequena compañía de teatro que servía como metáfora da situación política polaca contemporánea. O filme gañou o premio internacional da crítica do Festival de Cannes (1980). Holland só dirixiu dous filmes máis en Polonia, Gorączka (1980) e Kobieta samotna (1981), antes de emigrar a Francia, en vésperas de que o xeneral Jaruzelski declarase o estado de sitio no país en decembro de 1981.
Holland foi candidata ao Oscar ao mellor filme en lingua non inglesa po Bittere Ernte (1985), unha produción alemá sobre a fuxida dunha muller xudía durante a segunda guerra mundial.[6] Non obstante, o filme máis destacado da directora é Europa Europa (1991), baseado na biografía de Solomon Perel, un adolescente xudeu que fuxiu de Alemaña a Polonio logo da noite dos cristais rotos en 1938. Tralo inicio da segunda guerra mundial e a invasión de Polonia, Perel fuxiu ao sector polaco ocupado pola Unión Soviética. Ao ser posteriormente capturado polos alemáns durante a Operación Barbarroxa en 1941, conseguiu convencer un oficial alemán de que tamén era alemán e viuse enrolado nas Xuventudes Hitlerianas. O filme converteuse no filme alemán de máis éxito nos Estados Unidos, gañando o Globo de Ouro e logrando unha candidatura ao Oscar ao mellor guión adaptado.[4]
Como amiga do escritor e director polaco Krzysztof Kieślowski, Holland colaborou no guión do seu filme Trois couleurs: Bleu. Como Kieślowski, Holland frecuentemente analiza temas relacionados coa fe no seu traballo. Nunha entrevista concedida en 1988, a directora afirmou que a pesar de que as mulleres eran importantes nos seus filmes, o feminismo non é o tema central da súa obra, e engadiu que cando facía os seus filmes en Polonia baixo o réxime comunista, dábase unha atmosfera de solidariedade interxenérica contra a censura.
A súa filla Kasia Adamik tamén é directora de cinema.[7]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.