xeólogo alemán From Wikipedia, the free encyclopedia
Abraham Gottlob Werner, nado en Osiecznica[1] o 25 de setembro de 1749 e finado en Dresde o 30 de xuño de 1817, foi un xeólogo e mineraloxista alemán.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 25 de setembro de 1749 Osiecznica, Polonia (en) |
Morte | 30 de xuño de 1817 (67 anos) Dresden, Alemaña |
Educación | Universidade de Freiburg im Breisgau Universidade Técnica Academia de Minas de Freiberg (pt) Universidade de Leipzig |
Director de tese | Johann Carl Gehler (pt) |
Actividade | |
Campo de traballo | Mineraloxía |
Ocupación | xeólogo, profesor universitario, mineraloxista |
Empregador | Universidade Técnica Academia de Minas de Freiberg (pt) |
Membro de | |
Alumnos | August Breithaupt (pt) , Charles Lardy (pt) , Christian Leopold von Buch (pt) , Alexander von Humboldt e Friedrich Mohs |
Obra | |
Doutorando | Friedrich Mohs e Christian Samuel Weiss (pt) |
Premios | |
Descrito pola fonte | Nordisk familjebok Grande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Вернер Абраам Готлоб) Allgemeine Deutsche Biographie (pt) |
Educouse en Freiberg e en Leipzig (Saxonia), onde estudou dereito, minería e mineraloxía, sendo en 1775 nomeado inspector e profesor da pequena, pero influente, Academia de Minería de Freiberg, onde permaneceu até a súa morte.
Fundador da moderna mineraloxía e da xeognosia, os seus traballos contribuíron na consideración da mineraloxía e a xeoloxía como ciencias distintas, e foi o primeiro científico que clasificou os minerais sistematicamente. Por iso considérase como o pai da mineraloxía moderna.
Foi tamén o propoñente dunha controvertida teoría sobre a estratigrafía e fundou, defendeu e divulgou o neptunismo, outra non menos controvertida teoría que explicaba a orixe das rochas, hoxe obsoleta. Tamén elaborou teorías sobre a estratificación das rochas e a formación das rochas volcánicas.
Era fillo de Abraham David Werner, un inspector da siderurxia ducal de Solms (Gräflich-Solmsschen Eisenhüttenwerk) e Wehrau e Lorzendorf (Lorenzdorf, hoxe: Ławszowa), pasando a partir de 1764 a traballar como escribán da siderurxia e como adxunto do seu pai.
En 1769 matriculouse na Escola de Minas da Universidade Técnica de Freiberg (Freiberger TU Bergakademie ou Technische Universität Bergakademie Freiberg). Pasou en 1771 para a Universidade de Leipzig (Universität Leipzig), onde estudou dereito e máis tarde ciencias naturais, minería e mineraloxía, sendo alí alumno de Johann Carl Gehler (1732-1796).
En 1775 foi convidado por Carl Eugenius Pabst von Ohain para que ocupara os cargos de inspector e instrutor de mineraloxía na Escola de Minas de Freiberg, onde despois sería profesor e onde traballaría até o seu falecemento.
A fama de Werner atraeu estudantes de toda Europa e até de América. Entre os seus alumnos cóntanse nomes como Alexander von Humboldt, Franz von Baader, Leopold von Buch e Friedrich Mohs, entre os alemáns, pero tamén Robert Jameson, que chegaria a ser un afamado profesor na universidade de Edimburgo, o hispano-mexicano Andrés Manuel del Río, descubridor do vanadio, e José Bonifácio de Andrada e Silva, mineraloxista insigne e home político do seu tempo, hoxe mais coñecido como patriota fundador do Brasil.
No ano 1791 Werner foi nomeado director do Servizo de investigación xeológica e mineira de Saxonia (Geognostische Landesuntersuchung Sachsens), unha entidade cuxa creación defendera entusiasticamente. A partir de 1816, xa enfermo, contou coa axuda do seu asistente Carl Amandus Kühn, que chegaría a ser un reputado científico e professor, continuador do traballo de Werner despois do seu falecemento.
Werner nunca casou e non deixou descendencia. Ávido coleccionista, iniciou a súa colección de minerais cando tiña tan só 9 anos de idade. En 1814 xa tiña máis de 10 000 espécimes, legando esta colección á Escola de Minas de Freiberg, que hoxe mantén no seu campus.[2]
Werner desenvolveu a mineraloxía como un dos campos máis avanzados e importantes da enxeñaría de minas do seu tempo, e estabeleceu as primeiras teorías con base nas modernas Física e Química para explicar a orixe e características das formacións xeolóxicas, fundando neste proceso a ciencia da xeognosia (coñecemento da Terra), hoxe integrada na moderna xeoloxía estrutural. Baixo o seu impulso, as ciencias que hoxe compoñen a xeoloxía gañaron un novo ímpeto e a observación e estudo da estrutura da Terra pasou a facerse seguindo o moderno método científico.
Débese tamén a Werner o desenvolvemento dun dos primeiros sistemas de clasificación científica dos minerais, que a pesar de ficar hoxe obsoleto aínda marca a actual mineraloxía. A súa nomenclatura dos minerais e moitas das súas descricións aínda se utilizan, sendo hoxe unha apreciada parte da mineraloxía clásica.
A partir de observacións sobre formacións rochosas de Saxonia, que considerou extensíbeis ao resto do planeta, Werner convenceuse de que os estratos xeolóxicos estaban ordenados en sucesións definidas e resultaban dun proceso descontinuo de transformación. Para explicar a súa orixe, Werner cría que as augas, en particular as dos océanos, tiñan un papel determinante na formación das rochas e na composición e evolución da estrutura xeolóxica da Terra.
Con base nesta crenza, que a moderna ciencia probou non ser verdadeira, Werner propuxo a teoría do neptunismo, defendendo que todas as rochas tiñan a súa orixe na evolución dos océanos, formándose no seu seo nun período remoto en que toda a superficie terrestre fora inundada polas augas dun océano primordial. Os sedimentos depositados polas augas deste océano darían orixe aos continentes e formarían os estratos rochosos hoxe visíbeis na superficie.
Segundo esta teoría, a que Werner asociaba a unha controvertida chegada á estratigrafía, primeiro se formarían as rochas magmáticas, sobre as cales se depositarían secuencialmente as metamórficas e sedimentarias e, finalmente, os sedimentos non consolidados do presente.
Esta teoría tivo numerosos defensores, dando orixe a diversas variantes, e foi moi difundida a finais do século XVIII, especialmente por ser conciliábel coa historia bíblica do diluvio universal.
Como reacción, xurdiu a teoría do plutonismo, proposta por James Hutton, producindo entre os defensores de ambas unha radical controversia que se prolongou durante as décadas de 1790 a 1830.
Abraham Gottlob Werner foi homenaxeado en 1851 cun monumento concibido polo Profesor Johann Eduard Heuchler e colocado na prestixiosa Promenaden zu Freiberg (a alameda que á beira do río no centro de Freiberg).
A wernerita é unha variedade de escapolita, un tectosilicato común, que se denominou así na súa honra.
En 1848, tamén a Asociación mineralóxica de Dresde (Mineralogische Gesellschaft zu Dresden) construíu un monumento en honra de Werner no cemiterio de Annen (Annenfriedhof) de Löbtau e conseguiu que aquela cidade dese o nome de Wernerstraße a unha das súas rúas.
A Sociedade Alemá de Mineraloxía (Deutsche Mineralogische Gesellschaft)[3] instituíu na sa honra a "Medalla Abraham Gottlob Werner" [4], un galardón que se outorga aos científicos que alcancen gran distinción no campo da mineraloxía e ciencias conexas.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.