A eclipse do darwinismo
From Wikipedia, the free encyclopedia
A eclipse do darwinismo é o nome que se lle deu a un período entre finais do século XIX e principios do XX en que a explicación darwinista da evolución por selección natural perdeu apoios entre a comunidade científica. Julian Huxley utilizou a frase "a eclipse do darwinismo"[lower-alpha 1] para describir a situación no estudo da evolución antes do que el chamou a síntese moderna; nese período da eclipse a evolución fora xeneralizadamente aceptada nos círculos científicos pero poucos biólogos crían que a selección natural fose o seu mecanismo primario.[2][3] Historiadores da ciencia como Peter J. Bowler utilizaron a mesma frase como etiqueta para o período da historia do pensamento evolucionista desde a década de 1880 ata arredor de 1920, cando se desenvolveron e exploraron alternativas á selección natural, xa que moitos biólogos consideraban a selección natural unha idea incorrecta de Charles Darwin, ou polo menos de importancia relativamente menor.[4][5] Propúxose o termo alternativo a interfase do darwinismo, para evitar a implicación en gran medida incorrecta de que a suposta eclipse fora precedida dun período de vigorosa investigación darwinista.[1]
Aínda que ao longo do século XIX houbo moitas explicacións da evolución como o vitalismo, o catastrofismo e o estruturalismo, ao chegar ao século XX estaban vixentes as seguintes:
- A evolución teísta, que era a crenza de que Deus guiaba directamente a evolución. (Isto non debería confundirse co uso máis recente do termo evolución teísta, que se refire á crenza teolóxica na compatibilidade entre a explicación científica da evolución e a relixión.)
- O neolamaramarckismo, que foi a idea de que a evolución é impulsada pola herdanza dos caracteres adquiridos durante a vida do organismo.
- A ortoxénese, que era a crenza de que os organismos eran afectados por forzas internas ou leis do desenvolvemento que guían a evolución en direccións determinadas.
- O mutacionismo, que era a idea de que a evolución era en boa medida o produto de mutacións que creaban novas formas ou especies nun só paso.
A evolución teísta case desapareceu da literatura científica a finais do século XIX, xa que as apelacións directas a causas sobrenaturais considerábanse fóra do método científico. As outras alternativas tiñan un significativo seguimento xa ben entrado o século XX; a liña principal da bioloxía abandonounas esencialmente cando os desenvolvementos da xenética as fixeron cada vez máis insostibles, e cando o desenvolvemento da xenética de poboacións e a síntese moderna da evolución demostraron o poder explicativo da selección natural. Ernst Mayr escribiu que aínda na década de 1930 a maioría dos libros de texto salientaban os mecanismos non darwinistas.[6]