87ª edición dos Óscar
From Wikipedia, the free encyclopedia
A 87ª edición dos Óscar, presentada pola Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas (AMPAS), galardoou os mellores filmes de 2014 dos Estados Unidos de América e celebrouse o 22 de febreiro de 2015 no Dolby Theatre en Hollywood, California. Durante a cerimonia, a Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas presentou os Premios da Academia (comunmente coñecidos como Oscars) en 24 categorías. O evento foi televisado nos Estados Unidos pola canle ABC, e foi producido por Neil Meron e Craig Zadan e dirixido por Hamish Hamilton. O actor Neil Patrick Harris foi o presentador da gala por primeira vez.[1]
Por outra banda, a Academia celebrou a 6ª cerimonia anual dos Premios Gobernador no Grand Ballroom de Hollywood and Highland Center o 8 de novembro de 2014.[2] O 7 de febreiro de 2015, nunha cerimonia no The Beverly Hills Hotel en Beverly Hills (California), foron presentados os Premios da Academia ó Logro Técnico por Margot Robbie e Miles Teller.[3]
Birdman or (The Unexpected Virtue of Ignorance) e The Grand Budapest Hotel foron os que máis premios gañaron,[4] con cadanseus catro galardóns.[5] Birdman gañou o mellor director, mellor filme e mellor guión orixinal para Alejandro González Iñárritu, mentres que The Grand Budapest Hotel gañou mellor banda sonora para Alexandre Desplat.[6] Outros gañadores foron Whiplash con tres premios como mellor actor secundario para J. K. Simmons,[7] e The Theory of Everything, Still Alice, Boyhood, The Imitation Game, Big Hero 6, Ida, Citizenfour, Crisis Hotline: Veterans Press 1, The Phone Call, Feast, Selma, O francotirador e Interstellar cun premio cada un.