50 mellores xogadores da historia da NBA
artigo de listas da Wikimedia / From Wikipedia, the free encyclopedia
Os 50 mellores xogadores da historia da NBA (en inglés: 50 Greatest Players in NBA History), tamén chamado Equipo do 50º aniversario da NBA ou NBA's Top 50, é unha lista de xogadores elavorada en 1996 polo 50 aniversario da fundación da National Basketball Association (NBA). Estes cincuenta xogadores foron elixidos a través dunha votación na que participaron membros dos medios de comunicación, xunto con xogadores e adestradores retirados, ademais de membros dos corpos técnicos do equipos. Fíxose ademais unha lista cos dez mellores adestradores e cos dez mellores equipos dunha determinada temporada.[1] Dentros dos criterios necesarios para ser elixidio, os xogadores tiñan que ter xogado polo menos unha parte das súas carreiras na NBA, independentemente da posición ocupada.
A lista foi anunciada polo comisionado da NBA David Stern o 29 de outubro de 1996 no hotel Grand Hyatt New York, situado na antiga localización do Commodore Hotel, lugar onde se asinou a constituación orixinal da NBA o 6 de xuño de 1946. O anuncio supuxo o comezo dunha longa temporada de celebracións polo aniversario da competición.[1] Corenta e sete dos cincuenta xogadores reuníronse máis tarde en Cleveland durante a cerimonia do descanso do All-Star da NBA de 1997. Os tres xogadores ausentes foron: Pete Maravich, quen morrera en 1988 aos corenta anos;[2] Shaquille O'Neal, que se estaba a recuperar dunha lesión de xeonllo; e Jerry West, que tiña programada unha intervención por unha infección de oído e non podía voar. No momento do anuncio, once dos xogadores seleccionados estaban en activo, aínda que actualmente xa están todos retirados. O último deles en retirarse foi o propio O'Neal, que acabou a súa carreira como xogador da NBA a finais da tempada 2010−11.[3]