![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/0/03/C2017U1still.gif/640px-C2017U1still.gif&w=640&q=50)
1I/ʻOumuamua
O primeiro obxecto interestelar atopado no sistema solar / From Wikipedia, the free encyclopedia
1I/ʻOumuamua, previamente coñecido como A/2017 U1 e antes como C/2017 U1 (PANSTARRS), é un obxecto aparentemente interestelar que pasou a través do Sistema Solar. Foi descuberto nunha órbita altamente hiperbólica por Robert Weryk o 19 de outubro de 2017 mediante observacións feitas polo telescopio Pan-STARRS cando o obxecto estaba a 0,2 UA (uns 30 millóns de km) da Terra. Inicialmente pensouse que era un cometa, pero foi máis tarde reclasificado como un asteroide.
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/0/03/C2017U1still.gif/640px-C2017U1still.gif)
A excentricidade da órbita do obxecto, tras dúas semanas de observacións, estímase en 1,195±0,001, a maior xamais observada no Sistema Solar.[1] O récord anterior tíñao C/1980 E1, cunha excentricidade en saída de 1,057. A excentricidade de 2017 U1 tanto en entrada como en saída, indica que nunca estivo ligado ao Sistema Solar e que se trata dun obxecto seguramente interestelar.
O Centro de Planetas Menores da Unión Astronómica Internacional informa que creou un pequeno comité para a elaboración da nomenclatura de obxectos interestelares que atravesen o sistema solar, sendo este o primeiro obxecto da devandita nomenclatura tal como sinala a comunicación electrónica do 6 de novembro de 2017[2], que sinala as tres nomenclaturas oficiais do obxecto 1I ; 1I/2017 UI; 1I /¨Umuamua; 1I /2017 UI (¨Oumuamua). O número 1 indica que é o primeiro obxecto da serie, a letra I indica que é un obxecto interestelar, o nome Oumuamua, que foi elixido polo equipo Pan-STARRS, é de orixe hawaiana e reflicte o feito de que este obxecto é coma un explorador ou mensaxeiro enviado dende un pasado distante ata o noso sistema solar ("ou" significa chegar para, e "mua", coa énfase ao colocar un segundo "mua", significa o primeiro). Polo tanto, podemos traducilo ao galego como 1I/"o mensaxeiro de lonxe que chegou o primeiro".