Ética
Póla da filosofía que ten por obxecto de estudo os códigos morais / From Wikipedia, the free encyclopedia
A ética (do grego ēthos, "temperamento", "carácter", "costume") é a parte da filosofía que ten como obxecto de estudo os códigos morais. É a ciencia que estuda a moral. É dicir, a ética reflexiona sobre o comportamento humano,[1] as normas morais, a súa fundamentación, a súa validez, a súa universalidade etc. A ética reflexiona sobre o uso de conceptos como bo, malo, o ben, o mal e responsabilidade e sobre o comportamento humano.
Tradicionalmente, a ética ocupouse de analizar, valorizar e desenvolver estas normas. Hoxe en día asígnaselle un carácter teórico e rexéitase o carácter normativo ou pragmático que tiña.
O comportamento moral das persoas é unha forma de conduta e a ética dá razón del. Para isto, toma como obxecto da súa reflexión a práctica moral da humanidade no seu conxunto. A ética hoxe evita emitir xuízos de valor sobre a práctica moral nas distintas sociedades e épocas, senón que tenta explicar a razón de ser desa diversidade e das mudanzas que se producen.