Ton (cor)
From Wikipedia, the free encyclopedia
O ton, matiz ou tonalidade (na literatura inglesa hue) é unha das propiedades ou cualidades fundamentais nunha cor, definido tecnicamente (no modelo CIECAM02), como «o grao no cal un estímulo pode ser descrito como similar ou diferente de estímulos como o vermello, amarelo e azul».[1] Refírese á propiedade da cor nos aspectos cualitativamente diferentes da experiencia de cor, que teñen relación con diferenzas de lonxitudes de onda ou con mesturas de diferentes lonxitudes de onda. É o estado puro da cor, sen mestura de branco ou negro[2] e, xunto á luminosidade e a saturación, unha das tres características psicofísicas da cor.[3]
Existe unha alta correlación entre lonxitude de onda e ton, tal como aparece no arco da vella. Estas cores forman parte do grupo de cores espectrais, os relacionados cunha lonxitude de onda determinada. Mentres que as cores non espectrais serían as non relacionadas cunha lonxitude de onda determinada (como os púrpuras e violetas). Só poden obterse por medio da mestura de dúas ou máis luces monocromáticas.
As cores cromáticas son as cores tanto espectrais coma non espectrais, pero o ton ten importancia para entendelas, mentres que nas cores acromáticas, a súa visualización ou percepción enténdese mellor en relación coa dimensión de luminosidade que coa de ton. As cores descenden do escuro á cor definida (por exemplo do negro ao azul).
Xeralmente, cores co mesmo ton diferéncianse con adxectivos que se refiren á súa luminosidade e/ou saturación: azul claro, azul pastel, azul vívido.