Sarcómero
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un sarcómero (do grego sárx 'carne' e méros 'parte') é a unidade básica funcional dun músculo. Os músculos están compostos por células musculares chamadas miocitos ou fibras musculares. As células musculares conteñen miofibrilas formadas por proteínas filamentosas das que depende a contracción muscular. Nas fibras musculares estriadas as miofibrilas están organizadas formando unha sucesión de sarcómeros, que, por tanto, son agrupacións ordenadas de miofibrilas dentro da fibra muscular. Os sarcómeros vistos ao microscopio teñen o aspecto de bandas escuras e claras. As proteínas do sarcómero esvaran unhas sobre outras durante a contracción muscular, de modo que a lonxitude do sarcómero diminúe (e na relaxación aumenta).
As principais proteínas que forman os sarcómeros son a miosina, que constitúe os filamentos grosos, e a actina, que forma os finos. A miosina ten unha cola longa e fibrosa e unha cabeza globular, pola que se une á actina. A cabeza da miosina tamén se une ao ATP, que é a fonte de enerxía para o movemento muscular. A miosina só pode unirse á actina cando os sitios de unión da actina están expostos ao ión calcio.
As moléculas de actina están unidas entre si na liña Z do sarcómero, que forma os bordos do sarcómero. No sarcómero relaxado aparecen diversas bandas claras e escuras.[1]
Unha fibra muscular do bíceps pode conter uns 100.000 sarcómeros (tomando a lonxitude do bíceps como 20 cm e a lonxitude do sarcómero como 2 microns). As miofibrilas do músculo liso non están organizadas en sarcómeros.