institución que ten como obxectivo o estudo da cultura galega, e en especial da lingua galega From Wikipedia, the free encyclopedia
A Real Academia Galega (RAG) é unha institución científica, creada en 1906, que ten como obxectivo o estudo da cultura galega, e en especial a ilustración, defensa e promoción da lingua galega.[2] Elabora as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego, e decide a personalidade literaria á que se lle dedica o Día das Letras Galegas. Os seus membros son personalidades influentes do mundo da cultura galega, relacionados maioritariamente coa lingua. Desde 2017 o seu presidente é Víctor Freixanes. O seu lema é Colligit, expurgat, innovat.
Colligit, expurgat, innovat | |
---|---|
Placa co logotipo na fachada da sede, na Coruña. | |
Fundación: | 30 de setembro de 1906 (118 anos), A Coruña. Constituída o 4 de setembro de 1905. |
Presidente: | Víctor Freixanes (2017-) Xesús Alonso Montero (2013-2017)
Xosé Luís Méndez Ferrín (2010-2013) Xosé Ramón Barreiro (2001-2010) Francisco Fernández del Riego (1997-2001) Domingo García-Sabell (1979-1997) Sebastián Martínez-Risco (1960-1977) Manuel Casás Fernández (1937-1960) David Fernández Diéguez (1935-1936) Manuel Lugrís Freire (1934-1935) Eladio Rodríguez González (1926-1934) Francisco Ponte Blanco (1924-1926) Andrés Martínez Salazar (1923-1924) Manuel Murguía (1906-1923) |
Membros: | 30 |
Orzamento: | 1.254.697,48 euros (2012)[1] |
Na rede | |
http://www.academia.gal/ | |
O precedente da Real Academia Galega foi a Comisión Xestora para a creación da Academia Galega, promovida por Emilia Pardo Bazán e Ramón Pérez Costales. Montouse sobre a base dunha sociedade, Folklore Gallego, presidida pola escritora.
En 1904 Manuel Murguía publicou un artigo na revista do Gran Hotel de Mondariz no que propugnaba a creación dunha academia galega. Este artigo espertou interese e en 1905 constituíuse na Habana a Sociedade Protectora da Academia Gallega, grazas ao impulso de Manuel Curros Enríquez e Xosé Fontenla Leal. En Galiza seguiron esta iniciativa algúns persoeiros que se reunían no faladoiro da Libraría Rexional de Uxío Carré Aldao da Coruña. A Real Academia Galega constituíuse o 30 de setembro de 1906, presidida por Manuel Murguía e con corenta membros. O acto celebrouse nos locais da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos, case un ano despois da presentación legal dos seus estatutos[3]. Os obxectivos iniciais eran fundamentalmente lingüísticos e incluían a elaboración dun dicionario e unha gramática, proxectos que demoraron moitos anos. A primeira sede da Academia foi na rúa Rego de Auga nº 38, e en 1920 instalouse no Palacio de María Pita.
Durante a presidencia de Murguía (1906-1923) elevouse a figura de Rosalía de Castro, comezouse a publicar o Boletín de la Academia Gallega (263 números) e a Academia viuse no medio de polémicas e enfrontamentos debido ao seu carácter galeguista. O segundo presidente, Andrés Martínez Salazar, foino só un ano, xa que morreu inesperadamente. A entidade entrou nun período de inactividade que motivou a fundación do Seminario de Estudos Galegos. O terceiro presidente foi Eladio Rodríguez González (1926-1934), e durante este período entraron Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Antón Villar Ponte. Substituíuno no cargo Manuel Lugrís Freire, que houbo de dimitir en 1935 por problemas de saúde, pasando a ocupar a presidencia David Fernández Diéguez[4].
Desde 1937 presidiu a Academia Manuel Casás Fernández. O golpe militar de 1936 e a guerra civil provocaron o exilio[5] e falecemento dalgúns académicos, e en 1941 realizouse unha toma de posesión colectiva de 19 novos membros[6], coma Xosé Filgueira Valverde e Florentino López Cuevillas, coa lectura única de discurso de ingreso por parte de Fermín Bouza-Brey. A RAG superou o risco de desaparecer e pasou a estar tutelada polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela.[7]
Francisco Franco, o seu irmán, e mais Manuel Fraga foron académicos non numerarios da Real Academia Galega.[8] En 2009, coincidindo co nomeamento de Manolo Rivas, Méndez Ferrín facía pública a retirada das honras a Francisco Franco. Porén, Ramón Franco e Manuel Fraga seguen a estar considerados como membros correspondentes da RAG.[9]
O 31 de decembro de 1951 a RAG xuntouse en Vigo en sesión extraordinaria polo nomeamento de Manuel Gómez Román; ao seu discurso ía responder Ramón Otero Pedrayo. Minutos antes do inicio do acto a autoridade gobernativa prohibiu falar en galego. As palabras improvisadas que se dixeron foron en castelán. O Partido Galeguista fixo chegar dende Galicia ao Congreso da UNESCO reunido en Montevideo un escrito de protesta pola política de represión lingüística do réxime franquista. O texto tivo boa acollida pero foi rexeitado pola delegación española da que formaba parte Manuel Fraga.[10][11][12][13][14]
En 1960, tras o falecemento de Manuel Casás, ocupou a presidencia Sebastián Martínez-Risco. En 1963 a Real Academia Galega presentou a iniciativa do Día das Letras Galegas que, non moi valorada nun primeiro momento, tornouse especialmente dinamizadora co transcurso dos anos. No 1972 a RAG estandarizou o deseño actual das Armas ou Escudo do Reino de Galicia. Anos máis tarde, a RAG propuxo á Xunta de Galicia de conservar a memoria da antiga bandeira galega dentro da Bandeira de Galicia moderna. O resultado foi a superposición das armas ou escudo galego sobre a bandeira nacional civil, formando a actual bandeira oficial que debe figurar nos actos oficiais do goberno e institucións galegas.
Durante a presidencia de Domingo García-Sabell (1977-1997), produciuse o acordo co Instituto da Lingua Galega sobre as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (1982), co cal se unificaban as dúas propostas enfrontadas. A Real Academia foi recoñecida como referencia na Lei de normalización lingüística. Creáronse un Seminario de Lexicografía, que elaborou o seu primeiro dicionario monolingüe, e o Seminario de Sociolingüística, que realizou o Mapa Sociolingüístico de Galicia. En marzo de 1979 a Academia trasladouse á sede actual da rúa Tabernas na Coruña dende as dependencias municipais do Palacio de María Pita onde estaba a sede dende 1920.[15][16]
Coa presidencia de Francisco Fernández del Riego (1997-2001) abriuse a institución.
Baixo a presidencia de Xosé Ramón Barreiro Fernández (2001-2010) déuselle un pulo á informatización dos fondos documentais que se foran adquirindo, e en 2003 revisáronse as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego. En 2006 a institución foi galardoada co Premio Fernández Latorre[18].
En maio de 2009, en vésperas do Día das Letras Galegas, a Academia publicou un manifesto en prol da lingua galega, para facer fronte á campaña de desprestixio orquestrada por unha parte dos grupos políticos[19] e unha minoría social con escaso apoio en Galiza mais con medios importantes[20] en España[21]. Neste manifesto reivindicou a necesidade dun uso simétrico do bilingüismo[22] e mais unha presenza digna do galego en ámbitos nos que ten dificultades para se facer un oco, como a Xustiza ou o ensino. O 16 de xaneiro de 2010 a Academia emitiu un informe negativo das Bases para o decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia[23], coas que o PPdeG pretendía derrogar o decreto aprobado polo anterior goberno (formado polo PSdeG e Bloque Nacionalista Galego). O informe aprobouse por unanimidade e aclamación[24].
En xaneiro de 2010 escolleuse como presidente a Xosé Luís Méndez Ferrín, quen dimitiu tres anos despois. Substituíuno Xesús Alonso Montero, e tras a súa renuncia en 2017 accedeu ao cargo Víctor Freixanes, reelixido o 24 de abril de 2021.
En 2022 a Real Academia Galega trasladouse de forma temporal a unha nave en Pocomaco para levar a cabo as tarefas de rehabilitación da sede na rúa Tabernas.[25]
Vicesecretario | Secretaria | Presidente | Tesoureira | Arquiveira/Bibliotecaria |
---|---|---|---|---|
Henrique Monteagudo | Margarita Ledo Andión | Víctor Freixanes | Fina Casalderrey | Marilar Aleixandre |
* Vacante a cadeira deixada tras a dimisión de Xosé Luís Méndez Ferrín. Pendente de elección.
** Académicos e académicas elixidas pero pendentes de ler o seu discurso de ingreso.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.