Jacqueline Kennedy Onassis
From Wikipedia, the free encyclopedia
Jacqueline Lee Kennedy Onassis, de solteira Bouvier, nada en Southampton (Nova York) o 28 de xullo de 1929 e finada en Nova York o 19 de maio de 1994, foi Primeira Dama dos Estados Unidos por ser a esposa do trixésimo quinto Presidente dos Estados Unidos, John F. Kennedy, durante a súa presidencia dende 1961 ata o asasinato do seu esposo en 1963.
Jacqueline era a filla máis vella do corretor de bolsa de Wall Street John Vernou Bouvier III e da socialité Janet Le Bouvier. En 1951, graduouse cunha licenciatura en literatura francesa da Universidade George Washington e foi traballar ao Washington Times-Herald como fotógrafa investigadora.
Jacqueline coñeceu o congresista John F. Kennedy nunha cea en 1952. Ese novembro, foi elixido como senador dos Estados Unidos en Massachusetts, e a parella casou en 1953. Tiveron catro fillos, dos cales dous morreron na infancia.
Como Primeira Dama, foi coñecida pola súa moi publicitada restauración da Casa Branca e a súa énfase nas artes e na cultura. O 22 de novembro de 1963, ela viaxaba co presidente nunha caravana de automóbiles en Dallas, Texas, cando el foi asasinado.
En 1968, casou co armador grego Aristóteles Onassis; permaneceron casados ata a morte de Onassis en 1975. Durante as dúas últimas décadas da súa vida, Jacqueline Kennedy Onassis traballou como editora de libros.
É lembrada pola súa contribución ás artes e á preservación da arquitectura histórica, o seu estilo, elegancia e graza.[1][2] Destacou como icona da moda; o seu famoso traxe rosa Chanel converteuse nun símbolo do asasinato de Kennedy e unha das imaxes perdurables da década de 1960.[3][4]
Figurou en 1999 na lista de Gallup das personalidades máis admiradas nos Estados Unidos do século XX.