Impresora 3D
From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha impresora 3D é un tipo de impresora que fabrica obxectos sólidos por impresión de sucesivas capas de determinado material (plástico, metal...). É unha máquina que se utiliza para producir representacións físicas en 3D de modelos creados por ordenador, mediante unha técnica chamada fabricación aditiva.[1] Xorden coa necesidade de crear prototipos dun xeito máis rápido e barato do que se facía até entón, a partir de arquivos de deseño asistido por ordenador (CAD).[2]
En xeral, as impresoras 3D son usadas para fabricar pequenas partes de obxectos, máis pequenas que a propia impresora. En 2022 apareceu unha impresora 3D que pode fabricar obxectos moi longos nunha lonxitude, podéndose usar no espazo exterior.[3]
Unha das principais vantaxes que ten a impresión 3D fronte a outros métodos de fabricación é que elimina moitas das restricións de deseño que teñen estes outros; como por exemplo a posibilidade de desmoldar nas pezas fabricadas por inxección de polímeros.
Aínda que nun principio a tecnoloxía utilizábase basicamente para a fabricación de prototipos[4] e maquetas por sectores como a arquitectura e o deseño industrial, na actualidade, grazas á redución de custos e ao aumento de materiais e tecnoloxías dispoñibles, a impresión 3D está a incrementar a súa presenza, non só no ámbito industrial, senón tamén doméstico, educativo e na xeración de tecidos humanos.