Emma Goldman
From Wikipedia, the free encyclopedia
Emma Goldman, nada en Kaunas (daquela, chamada Kovno), Imperio ruso, o 27 de xuño de 1869[1] e finada en Toronto (Canadá) o 14 de maio de 1940,[2] foi unha anarquista de orixe lituana-asquenací que foi coñecida polos seus textos e discursos feministas e polos seus testemuños sobre a Revolución Rusa. Tivo un papel fundamental no desenvolvemento da filosofía anarquista da primeira metade do século XX na América do Norte e Europa e introduciu ideas feministas no pensamento anarquista.
De orixe lituana, en 1885 emigrou a Nova York (Estados Unidos) onde coñeceu o anarquismo[3] e do que formaría parte trala revolta de Haymarket. En Nova York, Goldman convértese nunha ensaísta e escritora de sona da filosofía anarquista e anticapitalista e redacta artigos sobre a emancipación da muller, os problemas sociais e a loita sindical.[3] Ela mais o tamén escritor anarquista Alexander Berkman, o seu amante e compañeiro de toda a vida, planearon o asasinato de Henry Clay Frick como un acto de propaganda polo feito. Aínda que Frick sobreviviu ó ataque, Berkman foi condenado a vinte anos de cadea.[4] Goldman foi arrestada varias veces por "alentar motíns" e pola distribución ilegal de información sobre a anticoncepción.[5] En 1906, Goldman fundou o xornal anarquista Mother Earth (en galego, Nai Terra).[6]
En 1917, Goldman e Berkman foron condenados a dous anos de prisión por conspirar para "inducir as persoas a fuxir" do servizo militar obrigatorio, que se establecera había pouco tempo nos Estados Unidos. Tras ser liberados da prisión, foron detidos de novo xunto con centos doutros progresistas e, a seguir, Emma foi deportada a Rusia durante a Revolución rusa. Inicialmente, simpatizou coa revolución bolxevique, mais decontado expresou a súa oposición ó uso da violencia por parte dos soviets e a represión das voces independentes. En 1919, expulsada de novo dos Estados Unidos pola súa intensa actividade política retornou a Rusia, mais volveu abandonar o país por disentir do rumbo autoritario tomado polo goberno bolxevique. En 1923, escribiu sobre as súas experiencias entre os bolxeviques, que forman o libro My Disillusionment in Russia (en galego, A miña desilusión con Rusia). Pasou uns anos en Inglaterra, Canadá e o sur de Francia , onde escribiu a súa autobiografía Living My Life (en galego, Vivindo a miña vida).[7] Ao comezo da Guerra Civil española, en 1936, con máis de 60 anos, viaxou a España para apoiar a revolución anarquista.[8]
Ao longo da súa vida, Goldman foi celebrada polos seus admiradores como libre pensadora e "muller rebelde", e ridiculizada polos seus opoñentes como defensora do asasinato de políticos e de revolucións violentas[9]. Os seus escritos e conferencias abranguen unha gran variedade de temas, incluíndo o sistema penal,[10] o ateísmo,[11] a liberdade de expresión,[12] o militarismo, o capitalismo,[13] o matrimonio e a emancipación da muller. Ademais, desenvolveu novas maneiras de incorporar políticas de xénero no anarquismo.[14]
Tras décadas de escuridade, na década de 1970, a vida e obra de Emma Goldman volveron facerse coñecidas na medida que as académicas feministas e anarquistas se foron interesando pola súa figura. Este interese deu lugar a unha nova onda de divulgación do seu legado, con publicacións dos seus artigos e reedicións dos seus libros, e con citas e imaxes súas estampadas en camisetas e carteis. Atribúenselle varias frases rechamantes do anarquismo, entre elas a famosa frase capaz de definir de maneira simple a idea anarquista da liberdade:[15]
Se non podo bailar, non é a miña revolución.