Elemento Alu
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un elemento Alu é un curto tramo de ADN que foi caracterizado orixinalmente pola acción da endonuclease de restrición da bacteria Arthrobacter luteus (Alu), que se pode encontrar no xenoma humano e no doutros primates.[1] Os elementos Alu son os elementos transpoñibles máis abondosos, pois comprenden aproximadamente un millón de copias espalladas polo xenoma humano.[2] Os elementos Alu son tamén coñecidos como xenes egoístas ou parasitos, porque a súa única función é a súa autorreprodución.[3] Derivan dun pequeno ARN 7SL citoplasmático, un compoñente da partícula de recoñecemento do sinal. Os elementos Alu están moi conservados nos xenomas dos primates e orixináronse no xenoma dun antepasado dos Supraprimates.[4]
As insercións Alu foron implicadas en varias doenzas humanas hereditarias e en varias formas de cancro.[5][6]
O estudo dos elementos Alu foi importante para dilucidar a xenética das poboacións humana e a evolución dos primates, incluíndo a evolución humana.[7]